O butelo da Fonsagrada reinará no Entroido


1Co Entroido chamando ás portas, nas mesas lucenses non pode faltar un bo prato de cocido. E para elaborar a receita máis típica do inverno galego fan falta ingredientes autóctonos de primeira calidade, como son os grelos, a cachucha, o chourizo, a costela, a soá ou o butelo. Este último derivado do porco é o protagonista da feira anual de exaltación que comezou onte na Fonsagrada e que continuará hoxe todo o día. Milleiros de persoas chegadas desde diferentes puntos da comunidade achegáronse á carpa da Praza do Museo da localidade para visitar os postos instalados polas firmas cárnicas do municipio. En total, poñeranse á venda ao redor de 10.000 quilogramos do prezado embutido.

Música e baile con Antaruxas e Sorteiros

2Ademais da exposición e venda de butelos, na xornada inaugural houbo música e baile da man da agrupación cultural Antaruxas e Sorteiros e dunha parella de bailaríns de salón que lle encantou ao público, como salienta o correspondente de La Voz, Manuel Fernández. A asistencia foi masiva, e non quixeron perder a cita boa parte das autoridades e dos políticos que antes asistiran en Lugo á inauguración do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Á cabeza estivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que pasadas as dúas da tarde percorreu os postos acompañado, entre outros, polo responsable do PP na provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, ou o deputado autonómico José Manuel Balseiro, que recordou os tempos en que traballaba de viaxante e visitaba a miúdo esta parte da montaña lucense. Tamén estivo o candidato popular á alcaldía fonsagradina, Tobías Martínez Cotarelo.

O Museo Comarcal recibiu moitas visitas

3Na cita gastronómica tamén participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ou o deputado Ismael Rego, que charlaron animadamente co alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo. Asistiron ademais os rexedores de Castroverde, Baleira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pol ou Castro de Rei, entre outros. Moitos visitantes aproveitaron a cita para achegarse ao Museo Comarcal da Fonsagrada, no que está aberta estes días unha exposición da artista Mónica Alonso.

Alumnos de Becerreá participan nun concurso de Correos

4E os alumnos de primeiro e de segundo de ESO do IES de Becerreá participaron nun concurso epistolar que organiza Correos e que se titula «Imaxina qué é unha árbore nun bosque». Animados polo equipo docente que xestiona a biblioteca do instituto, os rapaces escribiron textos con motivo do día da árbore. Cando os tiveron listos e corrixidos, fixéronlle entrega das súas propostas á directora da oficina de Correos en Becerreá, Blanca Neira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

O butelo da Fonsagrada reinará no Entroido