A outra faciana de Lugo

Xesús Mato

LUGO

06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Grazas á xenerosidade dos lucenses non todo en Lugo é especulación, corrupción, liortas policiais e/ou políticas. Esa faciana realizada por uns poucos precisa de urxentes operacións de limpeza (as chamadas Muralla, Carioca e outras). Cómpre facer xustiza. A acolledora cidade ten e pode amosar outra faciana máis real. Os lucenses somos moi sensibles e humanitarios. Deixárono acreditado perante séculos e seguen a manifestalo, a cotío, nos servizos de Cáritas e outras asociacións sociocaritativas da cidade.

En Lugo reina a solidariedade, individual e colectiva. Por iso se están a realizar outra clase de operacións, necesarias e imprescindibles, as que curan feridas e sandan corpos e espíritos. Con máis dilixencia e menos barullo. Velaí un exemplo real. Onte, despois de se recuperaren de varias intervencións para amañar facianas desfeitas, partiron para Uganda o neno Fred e o mozo Yonusu totalmente sandados. Con eles retorna sor Xertrudis, relixiosa colaboradora da ONG Cirujanos del Mundo, que, xunto co doutor Mendonça e varios médicos voluntarios, está a recuperar (aquí e alá) as facianas deterioradas de centos de nenos e mozos, coa axuda de varios veciños de Lugo.

A pesar da crise segue a medrar a xenerosidade. Lugo vai demostralo unha vez máis na vindeira campaña de Mans Unidas que se celebra esta semana. O lema: O seu mañá é hoxe?. Con accións semellantes tamén se lle devolve a Lugo a súa verdadeira faciana, a que se merece. Cuestión de solidariedade... e dignidade.