Trinta establecementos ofrecen menús de entre 12 e 30 euros nas Xornadas gastronómicas de Lugo

La Voz LUGO/LA VOZ.

LUGO

11 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que a gastronomía é un dos puntos fortes da provincia lucense é indubidable. O eslogan «Para comer ...Lugo» xa o di, e agora tentarán demostralo os trinta establecementos hostaleiros participantes nas primeiras Xornadas gastronómicas de Lugo. Cada un deles ofertará un menú específico, que constará dun primeiro prato, un segundo e a sobremesa. O prezo oscilará entre os 12 e os 30 euros.

Todos aqueles que o desexen terán a oportunidade de degustar esa trintena de menús dende hoxe e ao longo dos vindeiros tres meses. Os comensais serán ademais os encargados de elixir algúns dos galardóns que os organizadores das xornadas teñen previsto conceder.

Seis premios

Segundo se establece nas bases destas xornadas gastronómicas haberá tres tipos de premios: o primeiro e o segundo decidiranse por votación popular mediante os votos que os clientes introducirán nas furnas situadas nos trinta establecementos participantes. Concederanse por outra parte dous premios Muralla de Lugo, que decidirá un xurado entre aqueles menús que dalgún xeito homenaxeen ao citado monumento no décimo aniversario da súa declaración como patrimonio da humanidade. Por último, haberá dous premios extraordinarios ao mellor prato ecolóxico e ao mellor prato elaborado con produtos que teñan o selo Lugo Sabe, o distintivo de calidade que promove a Deputación para unha serie de produtos autóctonos da provincia de Lugo.

Ata finais de febreiro

Na organización destas xornadas, que se desenvolverán dende a xornada de hoxe e ata o domingo 27 de febreiro e coas que se pretende promocionar a gastronomía lucense como un dos atractivos turísticos desta provincia, colaboran o Concello de Lugo, a Deputación, a Asociación Provincial de Hostaleiros e a Asociación de industrias elaboradoras galegas de agricultura ecolóxica (Indegae).