«Levo a Lourenzá no corazón e lembro a xuventude con emoción»

Ana F. Cuba VIVEIRO?/?LA VOZ.

LUGO

Esta entrevista do 8 de febreiro de 2009 foi a última publicada en La Voz de Galicia da Mariña co escritor falecido o venres

28 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Claro que sigo en activo, se non estaría perdido», asevera Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913). O ilustre intelectual, escritor e director da Fundación Penzol, fala de todo. «Fixen unha biografía completa», comenta ao rematar a conversa telefónica.

-Unha vida moi prolífica.

-Moi prolífica e moi longa, porque xa empecei aos 16 anos a actuar publicamente e agora son 96, pasaron 80 anos.

-E o balance...

-Poñeríalle un notable, pero eu... para min, se empezase de novo, todo seguiría igual. Non estou arrepentido de nada.

-Van moitos anos e tamén moitas loitas.

-Primeiro as universitarias, despois as do Partido Galeguista. Comecei a carreira de Dereito na universidade de Madrid e alí xa empecei a actuar, nos preludios da proclamación da República. Estiven con Fernando de los Ríos, que era catedrático de universidade e mantiven relación con el. E precisamente ao despedirnos deunos a man, que estaba cuberta cuns guantes con furados nas puntas.

-Era unha época dura.

-De moita excitación, había loitas na rúa e en todos os lugares. Era unha situación moi dura e difícil. Coñecín ao Conde de Romanones, que xa é dicir; coñecín a monarquía liberal, a dictadura de Primo de Rivera, a dictablanda de Berenguer... Vivín a República, sufrín o franquismo e vivo na democracia. Case toda a historia contemporánea da península a coñezo.

-E vostede foi un dos protagonistas desa historia.

-Da de Galicia, creo que si, non creo que haxa ninguén con máis idade. Son un patriarca xa.

-¿Que representou a chegada da democracia?

-Foi comezar a vivir en liberdade porque antes, a min, prohibíronme. Era profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago e inhabilitáronme para o ensino e para todo. E tiven que recurrir a ofi cios de todo tipo. Fixen unha revista de cine e de deportes, unha revista de farmacia, por fin traballei en industrias pesqueiras... Foi un cambio total e absoluto porque antes o meu nome estaba prohibido e non podía escribir nos periódicos; tiven que utilizar un seudónimo, 'Salvador Lorenzana'. Porque o meu pobo é a vila de Lourenzá, aí preto de Viveiro. En Viveiro convivín con xente, tiven grandes amigos e admirei a moitos outros, admiraba moito a Pastor Díaz. Tratei e vivín moito cos irmáns Vilar Ponte, especialmente con Antón. Fun amigo, relativamente, de Noriega Varela, cando era mestre ou escolante en Chavín; e ademais tiven íntima amistade con Lois Tobío. Así que a medio Viveiro activista coñecino eu.

-En declaracións recentes apreciase certa decepción.

-Decepción tívena recentemente porque, como non teño fillos para que os sobriños malvendesen unha biblioteca que fun formando co tempo, que consta de trinta mil exemplares e unha pinacoteca, na que hai cadros de Maside, Castelao, Colmeiro, Seoane, Laxeiro e de xeracións novas... Todo o donei gratuitamente á cidade de Vigo, claro personificada no Concello. Firmamos un contrato de doazón pero o Concello comprometeuse a poñer ao frente personal técnico e non o puxo. Esa é a miña decepción.

-¿Aínda vai á biblioteca?

-Aínda fun hoxe. Vou polas mañáns, luns, martes e mércores.

-E tamén escribe.

-Escribo semanalmente en La Voz de Galicia, aínda que son comprensivo cos adiantos tecnolóxicos, sigo utilizando unha vella máquina de escribir. Padezo insomnio e penso pola noite nas experiencias vividas ou na literatura lida e despois póñome como máquina, anque non vexo coñezo ben o teclado de oficio. Ás veces equivoco unha letra e sae un popurrí do demo. A secretaria da biblioteca Penzol pásama ao ordenador, léemo e vou correxindo. Por iso teño a mente desperta; as pernas non responderon a pesar de que lles fixen traballar, ata os 80 nadaba e andaba uns 12 kilómetros...

-¿Como lembra a presidencia da Real Academia Galega?

-Cambiei os estatutos, antes o presidente era vitalicio. Abrín as portas a moita xente que estaba vetada, xentes de letras, eu valoraba a labor cultural, non a ideoloxía. Eu son un home dialogante, nunca fun impositivo.

-E segue activo aos 96 anos.

-Se non estaría perdido. Levo dende 1963, unha data moi significativa porque naceu a revista

Grial, que codirixín con Ramón Piñeiro; e proclamouse o día das Letras Galegas, por iniciativa miña, coincidindo co centenario de Cantares galegos.

-En 1998 foi nomeado fillo adoptivo de Lourenzá. ¿Que representou isto?

-Nomeáronme fillo adoptivo, adicáronme unha rúa e fiixen o pregón da Festa da Faba. Dende entón non fun, de cabeza estou ben pero teño unha artrose moi marcada, amáñome mal, non teño nin estabilidade nin movilidade suficiente para desprazarme. Lourenzá sempre a levo no corazón, sentín moito o lugar de nacemento; recordo a miña infancia e a miña adolescencia con gran emoción e sempre tiven fidelidade e recordo para esa vila. Coñecín a moitas personaxes, uns curiosos, outros normais... Recordo figuras como a... do Xiarto, o borracho Bozón, o Faxote, nomes raros, a Fieira, a Barruza... Xente así, moi coñecida, e eu revivo na memoria hoxe toda a vida tal como era entón, claro que agora non hai xente da miña idade, mais que unha ou dúas persoas, agora son foráneos, de Barreiros ou do Val de Lourenzá pero non da vila.

-¿Que lle queda por facer?

-Fixen todo, adienteime ao tempo que vivía en cada etapa; xa publiquei memorias e uns 50 libros. Agora xa só me queda deixarme e ver ata onde chego. Un xa non ten ilusións, nin horizontes aos que dirixirse. É aguantar e resistir.