A Academia Galega de Belas Artes pediu a declaración para a Muralla e para a Torre de Hércules

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

LUGO

O BNG solicitou en 1993 que o muro romano fose transferido á Xunta

28 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous anos despois de que se acordase no Concello de Lugo solicitar a declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade, xorde en Coruña a proposta de solicitar a declaración conxunta da Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Sorprende que tendo un alcalde como Francisco Vázquez non puxesen máis empeño naquel momento, tardando en conseguilo dezaoito anos.

Proposta da Academia

Na sesión académica ordinaria do 31 de marzo de 1990 da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, os académicos Felipe-Senén López Gómez e José Ramón Soraluce Blond propuxeron dirixirse ao ministerio de Cultura para iniciar os trámites e sensibilizar aos poderes públicos para a declaración de Patrimonio da Humanidade das significativas obras da romanización no extremo occidental peninsular, a Torre de Hércules, único faro romano en funcionamento, e as Murallas de Lugo. Adoptouse o acordo.

Na sesión do 26 de xaneiro de 1991, os citados académicos, entregaron o informe definitivo para acompañar á solicitude que incluía a memoria relativa ao interese de ambos os dous monumentos e un apartado gráfico formado por planos e fotografías cedidos polo Museo Provincial de Lugo e polo Museo Arqueolóxico da Coruña.

Este informe, coa proposta de declaración á Unesco, foi enviado o 30 de xaneiro a Domingo García Sabell, delegado do Goberno en Galicia para que lle dese traslado ao ministerio de Cultura e se iniciase a tramitación. O 15 de febreiro contestaba que se interesara persoalmente da cuestión ante o ministro de Cultura. Tamén se remitiu a Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia e ao alcalde de Lugo, Vicente Quiroga Rodríguez, para que a apoiase co seu informe favorable.

A insistencia do BNG

Pola súa parte o BNG dirixiuse a Federico Mayor Zaragoza, director xeral da Unesco para interesarse polos pasos que había que dar na tramitación. Remitiu unha documentación en inglés que foi traducida pola francesa Danielle Steffen.

Nela facíase constar que era moi importante o apoio popular ao monumento e á candidatura. En vista diso o 1 de outubro de 1991 presentaron unha moción no Concello na que solicitaba a creación dunha comisión formada por cada un dos grupos políticos que estaban na Corporación, PP, PSOE, CNG, BNG e EE.U, para articular unha campaña de apoio cidadán e institucional, e outra de sensibilización sobre o estado do monumento e de solucións urxentes por parte das administracións Central e Autonómica. Foi apoiada por todos os grupos no pleno celebrado o día 25 de outubro, acordándose crear a comisión.

Pero o alcalde Tomás Notario Vacas, que gobernaba en minoría, non facía caso ás mocións que aprobaba a oposición, de maneira que o 22 de novembro o BNG reclamoulle a súa constitución. Dous meses despois, o 3 de febreiro de 1992, o alcalde trasladou o acordo ao negociado de Cultura para que se cumprimentase, pero a comisión non se constituíu.

O 22 de febreiro de 1993, o BNG presentou outra moción na que, entre outras cousas, recordaba que dous anos antes aprobárase a creación da comisión para sensibilizar aos cidadáns e facer un seguimento da petición. Denunciaba que non se fixera nada e que non había entendemento para o seu traspaso entre o PP, que gobernaba en Galicia, e o PSOE que o facía en Madrid. Branca Rodríguez Pazos pedía que a Corporación se pronunciase a favor de que a titularidade da muralla pasase á Xunta de Galicia coa partida orzamentaria suficiente para atender a súa conservación, solicitando a declaración como Patrimonio da Humanidade, instando ao Parlamento de Galicia a que o apoiase, iniciando os trámites de inmediato, e que se crease unha comisión de seguimento do estado da muralla nos termos da moción aprobada pola Corporación.

A transferencia á Xunta

Cinco anos despois, o 9 de novembro de 1993, o BNG presentou unha nova moción, para que se transferise a muralla á Xunta de Galicia cos orzamentos para a súa rehabilitación e mantemento. Aprobouse por unanimidade no pleno do 30 de decembro. A transferencia do monumento demorábase por falta de acordo entre a Xunta e o Concello pola titularidade, segundo manifestou o PSOE a través de Miguel Vázquez Calvo, portavoz do grupo municipal, que fixo pública a resposta que o ministerio para as Administracións Públicas (MAP) dera ás preguntas sobre a muralla formuladas polo deputado do PP César Aja Mariño.

A Xunta mantiña a solicitude de transferencia pero adxudicando a titularidade ao Concello, que se negaba a aceptala por temor a verse obrigado a facer os investimentos para o seu mantemento e restauración, o que confirmou o alcalde Tomás Notario Vacas. Nesta ocasión o Concello acordou dirixirse ao Parlamento de Galicia e á Xunta instándolles a que se fixese a solicitude de declaración á Unesco.

Apareceu o noso número máxico, o 10, pois pasaron dez anos sen que se tomase ningunha iniciativa, porque o PP non se tomaba en serio as propostas da oposición, non sei se por non darlles unha baza política ou por non crer nos valores intrínsecos da muralla para que fose declarada Patrimonio da Humanidade.

A Corporación retomou a iniciativa en 1997, solicitando á Unesco a declaración. O BNG fixo campañas periódicas colocando carteis con esta demanda. Os deputados no Congreso Francisco Rodríguez Sánchez (BNG) e José Blanco (PSOE), presentaron proposicións non de lei, solicitando ao Goberno e á Xunta que realizasen as xestións necesarias para conseguir que a Unesco declarase a muralla de Lugo Patrimonio da Humanidade. O Eixo Atlántico, na reunión celebrada o día 12 de febreiro, sumouse á petición a proposta do alcalde Joaquín García Díez. Acordaron por unanimidade dirixirse á Xunta de Galicia solicitando que retomase as xestións. Era unha medida que contaba con amplo respaldo na cidade, sobre a que a Corporación se pronunciara por acordo unánime.