Os nenos estiveron de visitas e os políticos recibiron máis visitas

María Caravel redac.lugos@lavoz.es

LUGO

17 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro dos actos da Semana da Ciencia, onte houbo unha visita guiada de escolares lucenses á planta piloto da Aula de Produtos Lácteos, que dirixe Juan Méndez , e onde os nenos puideron ver as diferentes tecnoloxías empregadas na elaboración dos produtos lácteos. Ademais, participaron na elaboración de queixos e iogures, entre outros alimentos, e escoitaron unha charla divulgativa. Para finalizar a clase tan especial, os cativos degustaron produtos lácteos.

O alcalde de Lugo, José López Orozco , e a edila de Educación, Loly Vieiro , recibiron onte na Casa Consistorial a un grupo de alumnos de quinto e de sexto de Primaria do colexio de Albeiros. Os rapaces amosaron moita curiosidade polo funcionamento do Concello e do goberno municipal. Os cativos recibiron un agasallo, un libro de narración curta, mentres que eles entregáronlle ao rexedor fotos que amosan as actividades feitas desde o colexio con motivo do décimo aniversario da Muralla.

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, que preside José Antonio Álvarez , celebrou onte no edificio da Xunta unha xornada de vacún de leite ecolóxico, no que participaron especialistas do campus, membros de cooperativas e técnicos da Administración. Pola tarde visitaron a gandería Casa Ánxel, na Pastoriza.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro , asinou onte un acordo con doce asociacións deportivas da provincia para difundir as súas actividades a través de produtos audiovisuais nos que participarán os bolseiros da escola de Imaxe e Son. Os participantes son: Escudería Miño, A Pinguela, Fefeme, Arco Muralla, Lugo Fluvial, Mesa Dez Portas de Lugo, Emevé, Polvorín, Club Ciclista Cidade de Lugo, San fernando Lucus Caixa Rural, Club Natación Portamiñá e Club Patíns Lóstregos. Apoio da Deputación á Academia Galega. O seu presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín , acudiu a San Marcos, onde foi recibido polo vicepresidente Antón Bao . Asinaron un convenio polo cal a Deputación apoia a homenaxe a Lois Pereiro , a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Ferrín dixo que Galicia conta hoxe cos mellores escritores.