Cultura ocultou o nome dos que fixeron a documentación que non eran funcionarios

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

LUGO

Especialistas foráneos destacaron a calidade do expediente da Muralla

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ángel Sicart Giménez, director xeral de Patrimonio, dixo que o ano 2000 sería a data para que a Muralla puidese recibir a declaración, e anunciou que un equipo de especialistas faría a documentación destinada ao Ministerio de Educación e Cultura para a súa remisión á Unesco. Formouse no mes de novembro de 1998 e a información que se deu sobre a súa composición e desenvolvemento temporal do seu traballo caracterizouse por informacións que non eran veraces e pola ocultación de datos.

O equipo que preparou a documentación

O 22 de decembro de 1998, o deputado do BNG Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, á vista de que o conselleiro informara no Parlamento de Galicia que o 4 de xullo de 1998 se remitira ao ministerio de Cultura toda a información e o dossier para a declaración, que segundo as contas de Pérez Varela, tería que producirse en decembro de 1999, preguntáballe se a Xunta, ou algún dos seus departamentos, formara algunha comisión para o estudo relacionado coa Muralla de Lugo e a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, en que data se constituíra, que persoas a compoñían, que informe realizara, e en que data terminara os traballos.

A contestación foi dada por escrito o 3 de marzo de 1999, a través do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, Jaime Pita, dicía que non se trataba de facer un traballo de investigación, senón de preparar o expediente administrativo de acordo coas directrices da Unesco, para elevar a solicitude no tempo que estaba estipulado.

Tamén dicía unha media verdade, que a dirección xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, puxera en mans dos seus funcionarios a elaboración do expediente e só daba o nome de Bieito Pérez Outeiriño, que facía de coordinador, de Felipe Arias Vilas, e de Ignacio López de Rego Uriarte, arquitecto director dos traballos de restauración da muralla, que non era funcionario.

Omitía a participación dos arqueólogos Covadonga Carreño Gascón, Enrique Alcorta Irastorza, Enrique González Fernández e Santiago Ferrer Sierra, que non eran funcionarios da consellería. Eu fun vetado a pesar de ofrecerme para traballar gratuitamente. Seguían mentindo e por iso non daban contestación ás outras preguntas porque no seu momento non dixeran a verdade.

?Responsables de Icomos

O día 15 de marzo veu a Lugo Eduardo Arenillas, técnico do Comité Internacional de Monumentos y Sitios (Icomos), organismo asesor da Unesco para reunirse co equipo que estaba preparando a documentación. Mostrouse convencido de que a muralla tiña posibilidades de conseguir a denominación, e o 16 de abril, visitou a cidade a presidenta de Icomos de España, Rosa Suárez Inclán, que recibiu información nunha reunión celebrada no Concello. A Unesco esixía que o monumento fose significativo, que estivese conservado, que tivese un plan de xestión e de investimento e que a solicitude contase con apoio cidadán.

Ese día Sicart dixo que a Consellería de Cultura tiña ultimado o informe que avalaría a petición. Consistía nunha recompilación de documentos sobre a muralla, que entregou en Madrid o día 27 de maio ao Consejo Nacional del Patrimonio. Manifestou que a elaboración da documentación levara catorce meses, participando seis expertos da Xunta especializados en historia, arte, arquitectura e arqueoloxía.

Non dicía a verdade, porque o equipo de traballo formouse en novembro de 1998, así que fixeron o traballo en pouco máis de catro meses. ¿Por que dicía catorce meses?, porque o 23 de xullo de 1998 dixera que xa estaban traballando, e o 23 de outubro o conselleiro dicía no Parlamento de Galicia que entregaran a documentación o 4 de xullo.

Os compoñentes do equipo de traballo efectivamente foron seis, e funcionarios da Xunta só era Felipe Arias Vilas, os demais eran profesionais liberais, e unha funcionaria do Concello de Lugo. Especialistas en historia da arte non había ningún, porque todos eran arqueólogos.

Selección en Madrid e en París

Dolores Fernández Posse, arqueóloga do Instituto del Patrimonio Histórico Español, que examinou a documentación, sinalou que era un expediente espléndido e que non era unha muralla calquera. O 25 de xuño de 1999 o Consejo Asesor del Patrimonio acordou aceptar a candidatura da muralla xunto co xacemento de Atapuerca (Burgos), o románico de Vall de Boí (Lleida), e as localidades de Úbeda e Baeza (Jaén). Despois incluíronse outras dúas. O día 28 estaba previsto que a documentación chegase á embaixada de España en París para ser presentada á Unesco antes do 1 de xullo. O día 8 reuniríase o Comité do Patrimonio da Humanidade para iniciar o estudo de cada candidatura, que faría a preselección entre 81 candidatos.

O subcomité da Unesco seleccionou 64, e informou coa mellor nota a candidatura da muralla, das seis que presentaba España, incluíndo o Palmeral de Elxe e os enclaves romanos de Tarraco (Tarragona). As candidaturas de Atapuerca e Vall de Boí, serían examinadas de novo en setembro, pero fórono en novembro incluíndo esta última proposta. Úbeda e Baeza non entraron.