Algúns exemplos da predilección que na cidade temos polo 10

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

LUGO

Moitas obras turísticas e trámites burocráticos superan a década

17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O 21 de agosto lía en El Adarve unha opinión que comparto. Dicíase que «Lugo tiene potencial para ser una ciudad atractiva para vivir y para visitar. Todas las ciudades tienen carencias y debilidades, pero eso no debe de servir de excusa para no conocer nuestros fallos e intentar mejorar. Si nos miramos al ombligo será un error de futuro, pero si miramos de frente podemos presumir de ciudad. Entre todos tenemos una misión. Ahora toca trabajar».

Pois ben. Este ano o 10 é o noso número, non só por estar en 2010, senón porque se cumpren dez anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Con tal motivo o Concello presentou un plan de actividades conmemorativas baixo a denominación de Lugo 10.

Na presentación vimos un vídeo no que varios coñecidos dixéronnos que os lucenses eramos 10 e que Lugo era unha cidade 10.

Dous presentadores xustificaron que eramos 10 porque nos deron o premio Reina Sofía de Accesibilidade, a Escoba de Prata pola limpeza que se ve na cidade e porque xa tiñamos a mellor auga do norte de España. E sendo verdade estas tres cousas a min paréceme que dicilo así, nun ambiente festeiro, pareceume pura propaganda é un sinal de que non vemos máis aló do noso embigo. Porque aínda nos falta moito para ser unha cidade 10 á que debemos de aspirar.

A continuación veremos uns cantos exemplos da lentitude das administracións, gobernadas unha veces por uns e outras por outros, na execución dos proxectos e na resolución de trámites burocráticos que lastran o noso desenvolvemento.

Centros arqueolóxicos

A primeira fase das obras do Centro Arqueolóxico de San Roque iniciáronse en 1991. A Consellería de Cultura fixo un edificio sen licenza, houbo que modificar o Plan de Urbanismo para legalizalo por estar fóra de aliñación. Inaugurouse no ano 2008. Pasaron 17 anos. Aínda que os exemplos son odiosos, compre dicir que o exitoso e xa emblemático Guggenheim de Bilbao construíuse en dous.

O 15 de novembro do 2000, o alcalde pediu á Xunta que se fixese en Lugo o Museo Arqueolóxico Nacional de Galicia, que lle propuxera a Fraga cando chegou á alcaldía, pero non tivo resposta.

Dez anos despois acábase de fallar o concurso de ideas, premiando unha que incumpre o preceptuado para os BIC pola Lei de Patrimonio, e mesmo os criterios polo que se lle deu esta catalogación. Se hai sorte, abrirá as súas portas cara ao 2020. pasarían 20 anos.

As escavacións no edificio anexo ao Vicerreitorado iniciáronse en abril do ano 2000. O 26 de maio do 2010 inaugurouse o salón de actos e a sala de exposicións pero non se abriu a musealización dos restos arqueolóxicos que a Consellería de Cultura e Turismo di que estarán para finais deste ano.

Non se coñece que estean traballando para que iso ocorra, pero como estamos en vésperas de eleccións é posible que o fagan antes de maio do 2011. Se cumpren pasarían 10 anos.

?Melloras na imaxe da cidade

No 1988 aprobouse e adxudicouse pola Deputación un proxecto para converter a rúa de San Marcos nunha praza, pero non se fixo. En 2009 convocouse un concurso de ideas que quedou deserto e agora acábase de adxudicar a obra. Se a fan para o ano que ven terán pasado 22 anos.

A iluminación da capela de San Roque propúxoa o alcalde Joaquín García Díez, xunto á do monumento ao Bimilenario e a da igrexa de San Froilán. Pasaron once anos e a iluminación de San Roque, e a do Carme que tamén se debe incluír, e aínda non existen.

En maio de 1998 a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (Cptopv), deu autorización para a rehabilitación integral do casco histórico. Querían comezar polo barrio do Miño, Praza do Campo e contorna da catedral, zonas que estableceu como de rehabilitación preferente. Doce anos despois aínda está a medio facer.