A Deputación aproba catro novas obras do canon con 600.000 euros de investimento

C. López LUGO/LA VOZ.

LUGO

14 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Catro novas obras con cargo ao canon foron aprobadas onte na Xunta de Goberno da Deputación. Executaranse nos municipios de Portomarín, Guntín, Negueira de Muñiz e Quiroga por un importe de arredor de 600.000 euros. No primeiro dos concellos citados o organismo provincial investirá 81.142 euros na pavimentación e dotación de servizos á rúa Benigno Quiroga. Un total de 111.698 euros destinaranse á substitución de tuberías para a mellora do abastecemento de auga en Guntín. Ao acondicionamento dunha edificación para vivendas comunitarias en Negueira de Muñiz irán parar 238.045 euros. Finalmente, con 175.739 euros executarase a primeira fase do ensanche e acondicionamento da rúa Río Miño de Quiroga.

O deputado provincial de Recursos Humanos, Melchor Roel, lembrou que, só nas obras previstas para poñer fin á débeda histórica do canon, o organismo provincial leva investidos once millóns de euros, dos cales máis de tres corresponden á anualidade do 2010. Así mesmo subliñou que estas actuacións supoñen unha inxección económica para os Concellos «xa que aumentamos a obra pública, mantemos postos de traballo e aforramos custos aos municipios».

Por outra banda, tamén se aprobou a resolución do recurso presentado pola Federación Galega da Construción, que pedía non ter en conta o baremo de clasificación nos contratos de obras por valor de menos de 350.000 euros. Deste xeito, a Deputación abrirá un novo prazo de recepción de solicitudes de dez días naturais, contados dende a publicación do anuncio no BOP, para que novas empresas poidan concorrer á licitación de sete obras, todas elas do plan E, nos municipios de Palas, Láncara, O Corgo, As Nogais, Begonte, Triacastela e Rábade.

Subvencións

No eido deportivo, foi aprobada unha subvención ao Concello de Ribadeo por importe de 2,5 millóns de euros para a reforma e ampliación do pavillón polideportivo municipal, que será financiada en tres anualidades, sendo o investimento previsto para este año de 800.000 euros, 700.000 no 2011, e un millón de euros no 2012. En opinión do delegado de Cultura e Deportes da Deputación, Antonio Veiga, «esta é unha moi boa nova para Ribadeo e tamén para os deportistas da comarca, xa que este concello contará por fin cun pavillón practicamente novo, reformando o antigo, que data dos anos 60 e que presenta múltiples deficiencias».

En materia cultural, o Concello ribadense recibirá unha axuda de 25.186 euros, que se destinarán ás obras de acondicionamento do Lavadoiro que se atopa no casco histórico da cidade para convertelo en centro de reunións para asociacións.

Polo que respecta á Área de Benestar, aprobáronse tres subvencións para outras tantas asociacións. Así, 21.800 euros concederánselle á Asociación de pais e nais de menores paralíticos cerebrais da provincia de Lugo (Aspace-Lugo) para financiar gastos de persoal, desprazamentos e diversas actuacións derivadas do seu proxecto Achegarse. Cogami-A Mariña recibirá cen mil euros para gastos de construción de obra e honorarios do arquitecto derivados da edificación dun Centro de recursos para persoas con discapacidade en Xove. Por último, a Asociación de axuda ao enfermo mental da Mariña terá unha axuda de 75.000 euros para a acometida da luz na residencia e centro ocupacional de Cervo.