«Negociamos para comercializar a carne de rubia gallega»

Lucía Rey
Lucía Rey LUGO/LA VOZ.

LUGO

Ofrecer aos gandeiros un seguro completo máis barato será outro dos obxectivos do segundo mandato de Dorado

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

César Dorado Pin (Trembedo, Baleira; 1943) comeza coa mesma ilusión que o primeiro o seu segundo mandato á fronte da Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga), despois de gañar as eleccións celebradas o pasado sábado no Pazo de Feiras.

-De novo logrou o respaldo dos socios nas urnas...

-Encóntrome satisfeito, sobre todo, porque socios que me apoiaron hai xa catro anos me nomearon o sábado con maioría absoluta. Quero expresar o agradecemento aos gandeiros, que por segunda vez poñen a súa confianza en min, e non os vou defraudar porque vou traballar tanto por eles como a primeira vez.

-¿Con que proxectos inicia esta segunda etapa como presidente de Acruga?

-Un dos máis importantes é o de levar o seguro dos socios. Queremos poñernos de acordo cunha compañía aseguradora para que lles saia o seguro máis barato. Pretendemos que sexa un seguro completo, que inclúa un abanico amplo de posibilidades para as explotacións, como retirar o gando se morre unha vaca... Outra das cousas que queremos facer é a comercialización de carne de raza rubia galega.

-¿De que maneira teñen previsto facelo...?

-Nalgúns sitios comezan a coñecer Galicia grazas á rubia galega, e seguro que se a nosa carne se comercializa vai coller un prezo máis elevado, que boa falta fai. Hai pouco chamounos unha cadea desde Fuerteventura, nas illas Canarias, para preguntar como podían comprar carne de rubia gallega. Estamos negociando e seguramente imos chegar a un acordo con Ternera Gallega para poñela á venda, pero se non saíse adiante buscariamos outra maneira, o importante é que se venda.

-Semella que a rubia gallega é unha raza de gando en expansión.

-Este ano por primeira vez vendemos doses de semen de rubia gallega a Estados Unidos. En Polonia cada vez pídennos máis, e en Brasil e outros países de ?Centroamérica tamén estamos vendendo máis. Ademais, en España tamén hai cada vez máis produtores. Por exemplo, en Ávila hai dous irmáns que teñen dous toros da raza e que van por Acruga ás exposicións que hai no centro de España, porque para nós, desde Galicia, non sería posible ir.

-¿Seguirá afondando nas iniciativas que puxo en marcha durante o primeiro mandato?

-Unha das máis importantes foi o centro de recría de Castro, que permite comprar as novillas aos gandeiros a un prezo bo, e cando están preñadas vendelas. Nisto damos prioridade a gandeiros que queren ser criadores de rubia gallega. Se hai produción, hai que buscar mercado. Nese tempo tamén conseguimos o selo de calidade ISO, e compramos outro local en Ramón Montenegro que custou 150.000 euros. Neste momento somos 2.765 socios e estamos en 18 e pico cabezas por gandería, e segue aumentado.