«Un de cada tres militantes preferiría unha lista de consenso»

Enrique Gómez Souto
Enrique G. Souto LUGO/LA VOZ.

LUGO

Lage, que acabará o mandato, di que a lista do BNG é a da UPG e que esta terá que asumir a responsabilidade se fracasa

16 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva na corporación municipal lucense desde 1999. Nas eleccións do 2007 foi cabeza de lista e os nacionalistas empezaron a remontar a caída que sufriran nos comicios anteriores. Xosé Anxo Lage (Outeiro de Rei, 1954) mide o que di, pero non cala o que pensa. Apartado da próxima candidatura do Bloque Nacionalista Galego, di que a lista desta organización é a da UPG, á que avisa de que se os resultados en maio do 2011 non son bos terá que dar explicacións.

-Chegou á corporación en 1999 para substituír a Xoán Carlos Carreira. Vostede deixará o Concello porque a UPG non o quere como cabeza de lista. ¿Repítese a historia?

-Calín (Xoán Carlos Carreira) marchou por diferenzas políticas; eu marcho porque hai unha decisión da UPG baseada en que non son a persoa adecuada para encabezar a candidatura. A min non se me quere como cabeza de lista. ¿Por que? Segundo a UPG, porque hai un clamor interno para cambiar ao cabeza de lista. Eu podería dicir que, polo que vin nestes días, o que hai é un clamor externo trasladándome a opinión de que o BNG se equivoca. Eu non entro nin saio. O 29 de maio saberase quen está equivocado.

-Despois do proceso para a elección de candidatos, en Lugo e no resto de Galicia, ¿cre que hai risco de fractura no Bloque?

-Neste momento non vexo ese risco, pero penso que o resultado das próximas eleccións municipais vai marcar un fito histórico a partir do cal a organización debe reflexionar. Se a decisión da UPG dá réditos electorais, será evidente que esa debe ser a liña política a seguir; se non é así, haberá que esixir responsabilidades e iso pode levar a unha asemblea nacional na que todas as posibilidades estarán abertas. Hai que ter en conta que o BNG é unha fronte e, polo tanto, non cabe, por principio, a exclusión de ninguén. Ten tres patas: UPG, Máis Galiza e Encontro Irmandiño. Se en Lugo e noutras cidades non hai representación máis que da UPG, québrase un aspecto que foi fundamental para a consolidación do BNG: o consenso.

-Na UPG din que a lista encabezada por Bao é a de todo o Bloque...

-Eu digo que o Bloque se presenta as eleccións coa lista da UPG, porque esta é unha lista da UPG, na que non hai ninguén de Máis Galiza nin de Encontro Irmandiño. Hai, si, independentes que simpatizan coa UPG. Mire eu son socialdemócrata e estou orgulloso do que significou a socialdemocracia, e non entendo que alguén queira ocultar o que é a través de determinadas siglas. E a UPG é unha organización comunista. Por primeira vez en moitos anos non é unha candidatura de consenso, e ten en contra un 30% do voto; de cada tres militantes un non está conforme e preferiría unha candidatura de consenso.

-¿Pasoulle pola cabeza renunciar antes de que acabe o mandato municipal?

-Eu penso que teño unha responsabilidade coa cidadanía que me elixiu para todo o mandato, e penso rematalo. Son unha persoa que sempre actuei en política con rigor e seriedade e vou seguir así ata o fin do mandato. É unha obriga ética e moral cos cidadáns e coa propia organización política.