Suspendida a presentación en Escairón do libro de memorias de Antonio Nieves, fuxido da posguerra

LUGO

06 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Malos ventos fannos cancelar temporalmente a presentación do libro de Antonio Nieves. O primeiro para a xunta directiva é que todos os veciños se podan sentir cómodos na nosa Sociedade».

Así anunciaron onte os responsables do Círculo Saviñao a súa decisión de suspender a presentación este sábado en Escairón de Una lucha incansable , o libro no que o hoxe nonaxenario Antonio Nieves Ferreiro fai reconto dunha vida que parece unha novela de aventuras, dende o seu paso pola aviación republicana á emigración en Venezuela despois de andar escapado durante anos para evitar que o asasinasen igual que a dous dos seus mellores amigos despois do golpe militar de 1936. A súa peripecia de fuxido inspirou ao escritor de Escairón Xabier Quiroga unha parte do seu O Cabo do mundo , premio da crítica este ano á mellor novela en galego.

«O Narote»

Antonio Nieves, tamén coñecido como O Narote, non quixo deixar nada sen contar cando se puxo a escribir o libro da súa vida. Nin sequera os nomes dos que el considera culpables da represión desatada no Saviñao desde que comezou a guerra civil e durante a ditadura. Una lucha incansable non é un libro sobre os crimes daqueles anos. A descrición da guerra e a posguerra ocupa só unha parte das súas páxinas, nas que tamén hai abondosa información de primeira man sobre a rebelión obreira do ano 1934 en Asturias ou a emigración galega en América nos anos cincuenta e sesenta. Pero en canto trascendeu que o Narote lle puxera nomes e apelidos no seu libro aos supostos verdugos, comezou o runrún.

Enrique Sampil, presidente do Círculo Saviñao, admite que lle chegaron queixas máis ou menos directas de familiares dos aludidos no libro, feridos por unhas acusacións que consideran inxustas contra persoas que ademais non se poden defender porque xa faleceron.

«A xunta directiva sempre considerou que o Círculo Saviñao debe ser un lugar no que todo o mundo se sinta cómodo, que sexa un foro de diálogo, non un lugar que poida ser utilizado para encirrar resentimentos», explica Enrique Sampil.