«Novoneyra mantiña coa xente unha certa distancia»

LUGO

No seu libro «A distancia do lobo», aborda a biografía do poeta courelao desde unha óptica novelesca

11 may 2010 . Actualizado a las 15:32 h.

O escritor e xornalista monfortino Antón Lopo presentará o venres na Casa de Cultura de Monforte -ás 10.00 horas- o seu libro A distancia do lobo , no que reconstrúe en forma novelada a vida do poeta courelao Uxío Novoneyra, a quen o 17 se lle dedica o Día das Letras Galegas.

-¿Por que escolleu un molde narrativo para trazar a biografía de Novoneyra?

-Non me interesaba escribir unha biografía convencional das que comezarían dicindo «Uxío Novoneyra naceu en 1930...». Preferín darlle unha forma literaria que eu chamaría novela de non ficción. No libro, a vida de Novoneyra é contada en forma de memorias, narradas en primeira persoa, pero todo o que se conta axústase estritamente á realidade e está baseado nun traballo de documentación intenso no que colaborou a familia do poeta. É un xeito de abordar a biografía que aínda non foi moi cultivado nas letras galegas.

-¿Que é a «distancia do lobo» do título?

-Alude ao feito de que Novoneyra sempre mantiña coa xente unha certa distancia, unha independencia que el consideraba necesaria e que chamaba o «reduto do lobo», unha distancia que non chegaban a atravesar nin os seus parentes nin os amigos máis próximos. O lobo, ademais, é unha figura representativa de Galicia coa que se identificaba moito e que está moi presente na súa poesía. Os seus compañeiros do grupo cultural Brais Pinto tíñanlle o alcume de Lobo e tamén se chamaban «lobos» o a si mesmos os membros do grupo de amigos cos que andaba en Monforte.

-¿Que espazo ocupa Monforte na súa biografía?

-Monforte foi un dos lugares claves na súa vida, xunto co Courel, Madrid, Lugo e Santiago. Mantivo toda a vida unha amizade moi estreita con Roberto Martínez Andrade, da familia dos donos do pazo de Tor, que escribiu poesía en galego e castelán. En Monforte tamén vivía Manuel María, que era case seu irmán, e tiña outros bos amigos. Novoneyra visitou Monforte con moita frecuencia, sobre todo entre finais dos anos 50 e principios dos 60, e cos seus amigos promoveu varias actividades culturais, como organizar conferencias de Álvaro Cunqueiro ou Xosé Filgueira Valverde. Pero con algúns dos seus amigos de Monforte tamén se divertiu moito nesa época e levou unha vida un tanto bohemia. Penso que Monforte ten unha débeda pendente con Novoneyra e que habería que resaltar máis o importante que foi na súa vida.

-¿Que influxo cre que en hoxe na literatura galega?

-Penso que hoxe volve recoñecerse a súa importancia literaria, que é enorme. Nos anos 80 a súa obra non se comprendeu moito porque entón aquí estaba todo o mundo coa teima de sermos moi urbanos e a súa poesía remitía demasiado ao mundo rural do que entón se quería fuxir.