Novas miradas sobre a vida e a obra do poeta do Courel

LUGO

O escritor chantadino Xosé Lois García dedica outro libro a Novoneyra, con textos inéditos da súa autoría

14 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Moi pouco tempo despois de publicar o seu libro Uxío Novoneyra revisitado , o escritor chantadino Xosé Lois García acaba de realizar unha nova achega ao estudo da obra e da biografía do poeta do Courel, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A súa nova obra, Uxío Novoneyra, home e terra , recolle ensaios e artigos de García xunto cunha serie de textos inéditos do propio Novoneyra que dan testemuño da súa intensa participación na vida cultural e política galega.

Os textos do poeta courelao foron redactados, por unha parte, para intervencións públicas en actos de carácter cultural, como os congresos da asociación de escritores Galeusca, as feiras do libro de Santiago e Vigo ou homenaxes a Rosalía de Castro, Alfonso Rodríguez Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Antón Avilés de Taramancos, o pintor Laxeiro e o escultor Manuel Coia.

Outras alocucións recollidas neste volume están relacionadas con actos de cariz político e social, como unha manifestación convocada en Santiago en 1986 con ocasión do referendo sobre a permanencia de España na OTAN ou unha protesta contra o encarceramento do escritor, profesor e parlamentario Francisco Rodríguez.

Estes escritos, segundo indica Xosé Lois García, son só unha selección realizada entre o «amplo legado escrito» de Novoneyra que está relacionado con «temporalidades moi diversas da historia recente de Galiza» que o poeta «viviu con entusiasmo, intentando cambiar situacións magoantes».

Poemas comentados

Outra parte do libro está dedicada a recoller e comentar breves poemas dedicados a Novoneyra por diversos autores, como Manuel María, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Isidro Novo, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro, Ramón Caride ou Xosé Vázquez.

Xosé Lois García, pola súa parte, reúne no libro unha colección propia de textos sobre Uxío Novoneyra, algúns inéditos e outros publicados anteriormente en diversos xornais e revistas. Entre eles destaca pola súa extensión un ensaio que analiza a flora a a fauna da Serra do Courel mencionada no máis célebre poemario de Novoneyra, Os eidos .

Outros escritos máis breves abordan diversos aspectos da obra literaria, da ideoloxía e das actuacións de Novoneyra no terreo sociocultural e político.