A Porta Toledana foi a principal entrada desde a Idade Media

A súa orixe é romana pero tivo reformas ao longo dos anos, como a de 1781


Nun documento de 1120 do bispo don Pedro III, que da os lindeiros do que era a cidade, di que acababa na torre Froilana, cara á parte oriental e a porta Toletana. En 1147 chámanlle igual, tal vez porque aínda non existía a capela de San Pedro de Fóra cuxa advocación daría nome novo á porta e ao barrio que xa aparece en 1176 no aniversario do arcediago don Rodrigo, ao citar unha casa o cal confirma a existencia da igrexa de San Pedro de Fóra a fins do século XII.

A denominación de Toletana ou Toledana pode ser debido a que está no camiño a Castela, e consecuentemente a Toledo ou Toletola, denominación dada polos árabes e mozárabes a esta urbe convertida na capital do reino de Afonso VI. Rodríguez Colmenero opina que o é por ir á Tolda. En calquera caso a orixe lingüística sería a mesmo pero diferente o enclave ou lugar xeográfico, dado que os Toletum, Toletola, Toleto, Toletanos, Toletani, Toletenses, Toldaos e Tolda, teñen a mesma raíz latina.

Por tanto é posible que a porta Toledana, fose a que conducía á Tolda, pero tampouco sería equivocado que sendo Lugo de refundación de Afonso VI, nun primeiro momento a porta levase o nome do Toletum romano, que foi capital da monarquía ata 1563, e que a porta Toletana substituíse a súa primitiva denominación cara o último terzo do XII, pola advocación de San Pedro, ao que se dedicou unha capela das súas inmediacións, ao que se engadía o cualificativo de Fóra, para distinguila da igrexa parroquial que estaba fronte ás ábsidas da catedral.

Segundo os arqueólogos a porta é de orixe romana, pero posiblemente estivo tapiada e foi reaberta a finais do século XI ou principios do XII, ao xurdir o Burgo Novo, pois antes utilizábase a Porta Castelli ou do Castelo. O infante don Felipe, señor de Cabrera e pertigueiro maior da terra de Santiago, despois da morte de seu pai don Sancho IV, recuperou para si o dominio da cidade, levantando unha fortaleza con dúas torres sobre a porta, que tal como a vemos hoxe, está bastante alterada, non só por ser privada do corpo de garda, senón tamén polas modificacións sufridas na reconstrución de 1781.

A muralla neste tramo ten case 11 metros de altura ata o adarve. Encaixada entre edificios que acentuaban a verticalidade, o autor da obra, posiblemente o mestre José González Sierra, intentou equilibrar o xogo de masas e ocos, dividindo o conxunto en tres corpos. O inferior, formado pola porta ou entrada, un segundo corpo cun frontón triangular partido, solución barroca, de cuxo oco sae un escudo da cidade rematado con coroa ducal, entre dous leóns rampantes, e un terceiro corpo macizo rematado cun peitoril de balaústres de ferro en forma de landra. O escudo apóiase sobre un querubín colocado no vértice do frontón, sobre unha cartela conmemorativa.

O escudo máis antigo que coñecemos da cidade é o que estaba na fonte da Porta Miñá, de fins do XVI. Utiliza tres mobles: o león, duplicado do reino de León, o castelo do reino de Castela e o cáliz coa hostia do reino de Galicia. Orixinouse por fusión de armerías, unha modalidade frecuente entre os séculos XII e XVI.

Nosa Señora das Ermidas

A Porta de San Pedro tivo polo interior unha capela dedicada á Nosa Señora das Ermidas, da que era patrón o marqués de San Martín de Ombreiro, instalada no que fora corpo de garda medieval, e que volveu funcionar como tal durante a primeira guerra carlista. Accedíase por unha escaleira situada na parte dereita, que debaixo tiña unha tenda que decidiron expropiar en 1842, polo mal aspecto que ofrecía. Tamén o pediron os veciños, e en 1845 o xefe político, porque estreitaba a rúa. Despois da revolución de 1846 a mesma autoridade reitera a petición. Foi derrubada en 1846, pero 10 anos despois o dono da casa contigua á porta, pediu ao Concello que a repuxera, o que lle foi denegado. O 12 de setembro de 1860, o Concello acordou derrubar as capelas que había en tres das portas da muralla debido ao mal efecto que producían. Ao derrubar parte do que fora corpo de garda, quedou un dos arcos faxóns que formaban a súa bóveda, único vestixio que se conserva na actualidade da súa anterior estrutura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A Porta Toledana foi a principal entrada desde a Idade Media