«A agricultura ecolóxica consolídase como unha das alternativas con maior futuro»

Cristina López

LUGO

O presidente do Craega fala de prioridades, como a de informar e concienciar aos consumidores, e das perspectivas que abren para o sector a acuicultura, as algas e as conservas

28 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os datos do 2009, aínda non definitivos, confirman o crecemento que ano a ano vén rexistrando a agricultura ecolóxica galega.

-¿Como foi o 2009 para a agricultura ecolóxica en Galicia e con que perspectivas se afronta o 2010?

-Aínda que xa hai moitos anos que se cultiva dun modo ecolóxico en Galicia, esta actividade comezou a regularse dende a creación do noso Consello, no ano 1997. Empezamos con pequenas explotacións, con produtores dedicados á recolleita silvestre e con empresas envasadoras e elaboradoras de produtos hortofrutícolas. Partimos nese ano cunha superficie inscrita de 13 hectáreas e con 11 produtores. O avance dos datos correspondentes ao pasado ano permítenos falar de que a superficie ecolóxica inscrita está preto das 15.000 hectáreas, o que supón un crecemento próximo ao 16% con respecto ao 2008. En canto ao número de inscritos no Craega, este é de 548, un sete por cento máis que o ano pasado. Por último, a facturación estimada do ano 2009 é de quince millóns de euros, o que implica un incremento do 16%. Con vistas a este novo ano, penso que o feito de que o pasado 5 de agosto a Unión Europea publicase un novo regulamento (Regulamento CE nº 710/2009) da agricultura ecolóxica, que inclúe como novidade a acuicultura continental e mariña e as algas ecolóxicas, pode abrir un novo horizonte para a agricultura ecolóxica en Galicia, xa que novos produtos como o mexillón poderán certificarse. Por outra banda, son xa varias as empresas conserveiras galegas que obtiveron o certificado do Consello Regulador da Agricultura e que xa poden comercializar conservas de peixe e mariscos elaboradas con ingredientes ecolóxicos.

-¿Percíbese dende o Consello Regulador que a crise nos prezos do leite, e tamén da carne, e a necesidade de abaratar os custos de produción nas explotacións están favorecendo unha volta á agricultura ecolóxica?

-Moitas ganderías convencionais deben recorrer en exceso ao penso para alimentar aos animais por falta de pasto natural, xa que normalmente trátase de propiedades minifundistas; sen esquecer ademais a necesidade que teñen de abonar estas terras. As ganderías ecolóxicas operan de modo extensivo e contan cun máximo de dúas vacas por hectárea de terreo. Os seus custos de mantemento son máis baixos, xa que alimentan de xeito natural ao seu gando e non teñen esa necesidade de abonar as terras e, ademais, teñen limitada a cantidade de abono (nitróxeno) que se pode utilizar por hectárea e ano. En resumo, aínda que a crise de prezos afectou ao sector, hai que dicir que a súa resistencia é maior.

-Falando de crise, ¿a agricultura ecolóxica nota a crise? Tendo en conta que este tipo de produtos son algo máis caros, ¿o mal momento económico está afectando á demanda e ás vendas?

-A pesar da crise, o sector da agricultura ecolóxica mantén o seu tirón, e estase consolidando como unha das alternativas produtivas con maiores posibilidades de futuro. A agricultura ecolóxica é medioambientalmente máis sostible; contamina menos, e ademais, os agricultores poden manter as súas rendas porque é un produto que poden vender.

-Por último, ¿que lle falta á produción ecolóxica en Galicia para situarse ao nivel doutras comunidades autónomas ou doutros países?

-Existe carencia de concienciación e de información entre os consumidores galegos, de aí que o mercado da produción ecolóxica en Galicia sexa reducido. É evidente que unha das prioridades é informar aos consumidores sobre os beneficios e bondades que ofrecen os produtos ecolóxicos na alimentación, como paso previo a potenciar a comercialización. Esta situación é unha cuestión de tempo. A agricultura ecolóxica leva máis anos promovéndose noutros países, mentres que en Galicia foi bastante reducida ata hai pouco. Noutros países, como Alemaña, os consumidores aceptan con normalidade pagar un pouco máis para alimentarse con produtos sans e naturais, libres de calquera produto químico.