A secretaría xeral para o Deporte ofrécese a colaborar coa escola de pilotos que o equipo Nupel promove en Rábade

La Voz

LUGO

26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, desprazouse onte ata Rábade para coñecer as instalacións do proxecto do Nupel Global Racing e especialmente a Escola de rallies Luis Moya.

Acompañado polo bicampeón do mundo de rallies e máximo responsable deportivo deste proxecto e por Jorge Dorribo, director do equipo Nupel, o secretario xeral para o Deporte manifestou que a súa visita obedecía ao compromiso adquirido durante a recepción que realizara ao equipo con motivo do título de campión de España conseguido por Sergio Vallejo.

Lete coñeceu ao detalle o estado dos proxectos do equipo Nupel, que está poñendo en marcha unha ambiciosa escola de pilotos, unha iniciativa que nace coa ilusión de educar aos mozos galegos a través do deporte, intentando darlles unha formación integral, utilizando esta escola como medio na súa vertente recreativa, lúdica e formativa.

José Ramón Lete confirmou a predisposición da Xunta de Galicia a colaborar cun proxecto único en España e clave nun deporte como o automobilismo que ten moita afección na comunidade galega.

Polideportivo de Vilalba

Previamente, o secretario xeral para o Deporte reuniuse co alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, para falar dos proxectos cos que esta secretaría xeral colabora no municipio vilalbés, onde ademais aproveitou para visitar as instalacións do polideportivo municipal, ao que a Xunta de Galicia achega un investimento de algo máis de 57.000 euros para o acondicionamento de locais para almacén e para oficinas.

Lete supervisou a marcha das obras, especialmente demandadas polo Concello. O secretario xeral para o Deporte situou este investimento no obxectivo do seu departamento de cubrir as necesidades dos concellos galegos e poder realizar as súas demandas.

Aproveitando a súa visita a Vilalba, José Ramón Lete interesouse polas actividades deportivas e de actividade física que se están levando a cabo e pola situación dos clubs locais.

O periplo do secretario xeral para o Deporte pola provincia de Lugo incluíu visitas a instalacións deportivas de Cervo, Burela e Barreiros.