As festas do Nadal son as menos propicias para a austeridade, quizais porque se correspondan con aquelas da antigüidade nas que se tiraban os mobles vellos e as roupas antigas para simbolizar a vida nova que ía comezar.
Este ano, polo do aforro, o edificio lucense da Xunta ten só un mínimo árbol timidamente iluminado, a Deputación Provincial ofrece unha artística montaxe en blanco e o Concello cumpre coa tradición iluminando só unha banda das árbores e templete da Praza Maior, na que polo menos xa se retiraron os andamios que afeaban a Consistorial ó tempo que remarcaban as obras do pazo municipal.
Institucións e particulares tentamos aforrar no Nadal porque non o fixemos en todo o ano, levados pola ledicia gastadora á que estabamos afeitos, coidando que todo o que se nós di da crise e os consellos sobre a restricción de gastos non son máis ca mentiras e contos para condicionar a nosa existencia.
Difíciles resultan de respostar as preguntas dos nenos pequenos que inquiren o por que este ano non hai as mesmas luces que o ano pasado, e sobre todo por que determinados lugares parecen abandoados do espírito do Nadal, do espírito consumidor que a todos nos embarga.
Pero o enxeño dos pais non ten límite, e xa hai quen ten convencido ós seus pequenos de que as autoridades informaron de que Santa Claus ou Papa Noel, non sei ben cal deles, tivo un accidente e está enfermo dunha perna, coxea e non pode carretar grandes pesos, polo que haberá que ser moderado á hora de confeccionar a carta habitual e restrinxir o pedido de xoguetes para evitar que ó portador se lle ocasione dano e dolor.
redac.lugo@lavoz.es