«Sobre a francesada aínda hai moito que investigar»


Adolfo de Abel Vilela abriu na Casa de Cultura de Monforte un ciclo sobre a invasión francesa de 1809. Falou sobre o impacto da guerra napoleónica no conxunto en Lugo.

-¿Queda moito por averiguar sobre a invasión francesa na provincia?

-Supoño que si, porque a nosa historiografía sobre ese período histórico é bastante cativa, aínda que hai traballos interesantes. Sobre a francesada en Galicia aínda hai moito que investigar e hai moitos aspectos que están praticamente inéditos, pero hai cada vez máis investigadores que traballan neste campo. Un problema que temos os historiadores é que en moitos lugares non hai documentación directa sobre os feitos. Estou traballando sobre eses sucesos deses tempos en Lugo e os arquivos municipais non conservan documentos. A investigación que fago é con fontes indirectas.

-¿Que importancia tivo o territorio lucense no conxunto de Galicia polo que respecta á guerra napeoleónica?

-Tivo unha importancia considerable. Os ataques a Monforte figuran entre os sucesos graves dese período. Tendo en conta o elevado número de vítimas, hai historiadores que os comparan con feitos bélicos tan importantes como o sitio de Xirona, aínda que en Monforte non houbo choques de tropas. E en Lugo celebrouse en 1808 un encontro destacado das xuntas de defensa de Galicia, León e Castela ao que asistiron diplomáticos británicos e no que se marcaron puntos da estratexia que se seguiría na guerra. Foi un dos feitos que precederon á proclamación da constitución liberal de 1812.

-Ademais das graves perdas humanas e materiais que causou en Monforte e en moitos outros lugares, ¿a invasión axudou ao progreso das ideas políticas?

-Eu diría que máis ben sucedeu todo o contrario. Hai que recordar que cando Fernando VII regresou a España en 1813, os deputados ultramontanos - os ultraconservadores- o instaron a abolir a constitución liberal de Cádiz, inspirada nos inicios da Revolución francesa, e iso foi o que fixo. Deste xeito, unha vez que terminou a guerra, o resultado foi que España quedou gobernada polo último monarca absolutista de Europa. Aínda que os exércitos de Napoleón axudasen a propagar as ideas liberais, o que quedou despois do seu paso foi un retroceso tremendo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Sobre a francesada aínda hai moito que investigar»