No caso da transcrición fonética, os redactores do proxecto quixeron evitar as posibles polémicas que conleva este tema. «No caso da transcrición fonética pode haber certa discusión porque tampouco existe un estándar fonético, por iso moitas entradas, se as observamos cun pouco de detemento, ofrécense diferentes alternativas de pronuncia porque non existe un estándar fonético. Non en todos os casos, pero si nos que pode haber controversia», sinala Carballeira.
A edición do 2000 xa incluía todas as palabras de uso cotián, por iso as novas entradas están relacionadas en moitos casos con termos procedentes dos avances tecnolóxicos. «As palabras patrimoniais de uso cotián, dificilmente podemos engadilas a non ser algunha non estandarizada, que nós dicimos que son lexitimamente galegas, pero que non están dentro do estándar», puntualiza o coordinador. Neste sentido, Carballeira lembra que o galego funciona coma calquera outra lingua cando crea novas palabras. «Dentro de todas as linguas existe a posibilidade de formar palabras, que nacen por derivación ou por composicións; o galego ten exactamente os mesmos mecanismos de formación de palabras que calquera outra lingua, aínda que, na actualidade, non é un procedemento que teña moito vigor en calquera lingua, case todo nese sentido está moi acoutado», conclúe.