O Concello presentou un novo número da revista «Xistral»

La Voz

LUGO

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O salón de plenos do Concello acolleu o xoves a presentación dunha nova edición da Revista Lucense de Creación Poética Xistral, a cargo da Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e Camilo Gómez Torres, coordinador da publicación.

Este novo número conxuga traballos de autores noveles e tamén doutros consolidados no panorama literario galego como Manuel C. Matalobos,  Luz Pozo Garza ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros. A concelleira indicou que «é unha porta aberta para todos os amantes da poesía que teñen nesta publicación un lugar para dar a coñecer a súa obra», e engadiu que «axuda á creación poética e á cultura galega».

A revista foi creada no ano 1949 por Manuel María e dela só sairon dous números. Por iniciativa do Concello recuperouse a cabeceira desta publicación anual no ano 2000 para continuar de xeito ininterrompido. É habitual neste tempo a presencia de distintos autores galegos, sobresaindo a presencia dos autores lucenses. Na presentación repartíronse exemplares gratuítos desta publicación que auna o traballo de preto de 50 autores e as ilustracións de José Blázquez e Manuel Carreira. Ademais, algúns dos poetas leron ante os asistentes algunhas das súas creacións literarias.

Nos dez números que compoñen a segunda fase da publicación desta revista foron 99 os autores que publicaron as súas creacións literarias, 38 deles novos poetas.