A Xunta louva o traballo de Ternera Gallega polos seus 20 anos de promoción

X.M.P.

LUGO

13 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ternera Gallega leva 20 anos anos de funcionamento e de procura de novas canles de promoción e de comercialización. Ese esforzo ten dado os seus resultados, pero tamén recibe louvanzas e comentarios favorables sobre o seu labor. Iso ocorreu onte, por exemplo, en Lugo na celebración desas dúas décadas de traballo.

O conselleiro de Mediio Rural, Samuel Juárez, salientou que a IXP Ternera Gallega, recoñecida como tal pola Unión Europea en 1996 tras comezar como Produto Galego de Calidade en 1989, non só era arestora a máis importante de España senón tamén unha das máis coñecidas. Juárez afirmou que enquisas feitas fóra de Galicia situaban o nivel de coñecemento da carne producida na comunidade autónoma: ese grao de coñecemento, dixo, vai acompañado dunha impresión favorable sobre o produto.

A esa situación tense chegado tras un traballo que Juarez cualificou de «serio»: a existencia dunha IXP definida por el como «modélica» reflicte a traxectoria destes anos, nos que se ten garantido a consecución dunha garantía de orixe e se acadou unha IXP que está «con moita diferenza» por diante das outras. Un total de 73 son as industrias amparadas por este selo de calidade, cuxo mercado se estende por fóra de Galicia -Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana e Murcia son os principais destinos- e tamén por fóra de España -hai compradores franceses, andorranos e portugueses-.

Peso de Lugo

Juárez desprazouse a Lugo onte pola mañá para participar nos actos de celebración dos 20 anos de Ternera Gallega, celebrados no recinto feiral na marxe esquerda do Miño. A importancia da provincia dentro da IXP resulta decisiva, xa que achega, como subliñou o conselleiro en declaracións feitas durante a visita, o 50% da produción total. Segundo os datos do ano pasado, a produción de carne con este selo de calidade chegou ás 17.000 toneladas.

O futuro inmediato semella encamiñado a manter o crecemento. Nese senso, Juárez adiantou algunhas liñas das que se poderían tirar resultados: unha delas debe de ser a potenciación da raza rubia galega, para o cal, explicou, xa se teñen establecido contactos con Acruga, asociación que reune aos criadores desa raza.

A visita de Juárez a Lugo tivo lugar nun día en que o recinto feiral acolleu varias actividades. Outra parte do traballo foi o dedicado a xornadas técnicas: as iniciativas de mellora xenética da raza introducidas nos últimos anos ou a produción de carne en Galicia dentro da Política Agraria Común (PAC) foron algúns dos asuntos analizados no día de onte.