Os empresarios de Muimenta preparan a campaña de Nadal e unha nova edición do concurso de tapas

La Voz

LUGO

05 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de empresarios de Muimenta, que engloba a gandeiros, profesionais e autónomos desta localidade do concello de Cospeito, retomou a súa actividade logo da paréntese vacacional. Na reunión que mantiveron a principios deste mes estudaron algunhas das propostas que pretenden poñer en marcha nos vindeiros meses.

Unha desas iniciativas é a de celebrar unha nova edición do concurso de tapas, logo do éxito que tivo a primeira, celebrada en agosto e na que participaron a maioría dos bares e restaurantes da parroquia. Grazas precisamente á gran aceptación da xente e ao elevado número de participantes, os empresarios decidiron realizar a segunda edición, que terá lugar entre os vindeiros 7 e 13 de decembro. Con esta finalidade, ao longo das vindeiras semanas haberá unha reunión cos hostaleiros de Muimenta para ultimar os preparativos desa nova edición do concurso, que no mes pasado gañou a cafetería Tino, tanto no apartado de presentación coma no de calidade da tapa.

Igualmente, con vistas ao derradeiro mes do ano, o vindeiro martes a xunta directiva da asociación manterá unha reunión no recinto feiral con empresarios minoristas para darlle forma a unha campaña de Nadal que os industriais desta vila queren poñer en marcha entre os vindeiros 15 de decembro e 5 de xaneiro.

Camiño de Santiago

Por outra banda, de cara ao vindeiro ano santo 2010, a asociación traballa para realizar parte do Camiño Francés por territorio galego, comezando o percorrido no Cebreiro. A idea é levalo a cabo as diferentes etapas da ruta xacobea durante os domingos dos meses de marzo, abril e maio, iso si, deixando libres as xornadas nas que se celebra a Moexmu, a Semana Santa, a Festa da filloa e outras celebracións locais. Nesta actividade poderá participar toda aquela persoa que o desexe, apuntándose nos lugares que previamente se indicarán, aínda que terán preferencia os asociados e os seus empregados.

Con carácter máis inmediato, estes días membros da xunta directiva están visitando aos socios para repartirlles pegatinas co lema «Eu son empresario de Muimenta», que representa á asociación. Tamén aproveitan para informalos dos cursos que pretenden organizar nos meses próximos, coma os de manipulador de alimentos, inglés e prevención de riscos laborais.

Precisamente dentro das diferentes accións formativas promovidas por esta asociación, os vindeiros días 9 e 16 terá lugar a segunda e a terceira sesión do programa Tempo de mulleres que se está celebrando nas instalacións do recinto feiral de Muimenta en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.