Luz Pozo Garza recibe o premio Ramón Piñeiro Facer País

La Voz

LUGO

05 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Luz Pozo Garza foi a gañadora da oitava edición do premio Ramón Piñeiro Facer País, que promoven a Asociación Val de Láncara e outras agrupacións culturais de Sarria e do val do Neira, xunto co Concello de Láncara, o Club Unesco-Sarria e o colexio publico Ramón Piñeiro. A escritora lucense foi seleccionada por un xurado entre outras 35 candidaturas presentadas por diferentes persoas e colectivos. O fallo produciuse o pasado 27 de agosto e foi dado a coñecer onte no transcurso dunha rolda de prensa ofrecida en Santiago polos representantes da asociación e varios membros do xurado.

O premio ten por finalidade recoñecer o labor desenvolvido por unha persoa ou entidade galega a prol do país. Nesta ocasión a concesión está xustificada polo conxunto da súa obra literaria, vinculada «ao compromiso estético e matización emotiva da poeta», destacou o xurado. Dende o punto de vista temático, tamén tivo en conta a presenza dos sentimentos universais do amor, a morte e o paso do tempo, ademais da consagración de Luz Pozo a divulgación dos valores literarios da lingua galega.

A entrega do premio terá lugar no transcurso dun acto literario organizado por Val de Láncara nesa parroquia.

O fallo do xurado foi notificado polo alcalde, Darío Piñeiro; polo secretario de Val de Láncara, Carlos López Sierra; polo irmán de Ramón Piñeiro, Aníbal; pola directora do colexio, Rita Castedo, e por Jesús Vila, representante do Club Unesco-Sarria. Ademais dos representantes de estas entidades, no xurado tamén participaron membros das asociacións Alpendre, La Unión, Ergueitos, Arcas, Peleiriños, Irmandade Sarria-Guerlédan, Foro Xurídico, Arumes, Monte Oribio, Vía Est e Sarricanta.