O histórico instrumento da igrexa monfortina foi tocado por primeira vez desde os anos 70 dentro do proxecto de catalogación e restauración que promove a Xunta
22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Por primeira vez desde os inicios dos anos 70, o vello órgano da igrexa da Régou volveu emitir música. O histórico concerto levouse a cabo onte ao mediodía ante unhas poucas testemuñas e durou só uns minutos, coa finalidade exclusiva de realizar unha gravación encadrada no proxecto de catalogación e rehabilitación dos órganos históricos galegos que impulsa a Consellería de Cultura. Os técnicos que están realizando o inventario destes antigos instrumentos rexistran a súa música para axudar a avaliar o seu estado de conservación e decidir máis adiante as operacións que será preciso efectuar para restauralos, nos casos en que sexa posible.
Os responsables do proxecto decidiron iniciar a catalogación dos órganos nas igrexas da diócese lucense e o da Régoa foi o primeiro en que se realiza este labor. O exame técnico foi realizado polos organeiros Ana Caramanzana e Berchtold Soergeld, mentres que a gravación foi supervisada polos músicos Andrés Díaz e Belén Bermejo. As probas indicaron que o antigo órgano -construído en 1801 por Pedro Méndez, natural da parroquia lucense de Santiago de Meilán- non está precisamente en condicións de ofrecer un concerto en toda regra, pero demostraron que se conserva nun estado moi satisfactorio tendo en conta a súa antigüidade e os moitos anos que leva fóra de servizo. «Estará no pelotón de cabeza cando se escollan os que merecen ser restaurados en primeiro lugar», opina Andrés Díaz.
O caso deste órgano non é único, xa que -segundo explican os expertos- os mellor conservados acostuman ser precisamente os máis antigos. Outros instrumentos de fabricación moito máis recente están hoxe en condicións bastante peores. O da Régoa está por outra parte moito mellor conservado que o de San Vicente do Pino -que ten arredor de 250 anos e é incapaz de producir calquera son- e, a diferenza deste, mantén o seu teclado orixinal. Tamén conserva os primitivos foles que insuflaban aire nas súas tuberías antes de que se lle incorporara un motor eléctrico para cumprir esta mesma función. Cabe polo tanto a posibilidade de restaurar ambos sistemas de produción de vento, o antigo e o moderno, para utilizalos en diferentes ocasións cando se poña de novo en condicións de usalo.
Xa pola tarde, o equipo técnico examinou o estado do órgano de San Vicente, aínda que neste caso, como xa se indicou, non foi posible efectuar ningunha gravación.