Estudantes de Empresariais participaron onte nun seminario no que trataron de facerlles ver que calquera persoa con ganas e esforzo pode desenvolver un proxecto empresarial
15 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Se a alguén lle preguntan se coñece a algún emprendedor, probablemente se lle veña á cabeza o nome do propietario do imperio Inditex, Amancio Ortega. Sen embargo, aínda que non o creamos, ao noso arredor e no noso entorno hai moitos máis emprendedores dos que poidamos pensar. Sen ir máis lonxe, a perruqueira que nos corta o pelo ou o dono do bar no que tomamos o café seguramente no seu momento foron emprendedores que se decidiron a montar este tipo de negocios.
Partindo desta filosofía, a idea que se lles tratou de transmitir aos preto de cen alumnos dos últimos cursos da diplomatura e da licenciatura de Empresariais que onte participaron no seminario para a difusión da creación de empresas foi basicamente que, con ganas e esforzo, calquera persoa pode desenvolver un proxecto empresarial. Esta xornada enmárcase no programa Lugoemprende na Universidade e está organizada pola Área de Autoemprego do campus lugués, en colaboración co Concello.
Na sesión celebrada onte no Centro de Empresas e Innovación, representantes de BIC Galicia explicáronlles aos universitarios asistentes as características dun emprendedor, as motivacións que o levan a emprender, a idea de negocio e a súa transformación en proxecto. En todo este proceso «o importante é ter ganas de emprender», como sinalou a encargada da charla.
Formación, capacitación e actitudes son os tres piares que, por así dicilo, constitúen o triángulo do éxito dun emprendedor, en palabras da representante de BIC Galicia. Á pregunta sobre que se necesita para emprender, sinalou que o fundamental é a persoa, é dicir, o emprendedor. Despois a idea e os recursos, tanto humanos coma económicos.
Visita ás instalacións
Falando de recursos, durante a xornada cos alumnos de Empresariais púxose de manifesto que son moitos os centros e entidades aos que poden recorrer os interesados en emprender, entre eles están BIC Galicia, o Igape ou o propio Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, cuxas instalacións puideron coñecer onte os universitarios, ademais de descubrir as experiencias de algúns dos emprendedores que na actualidade teñen implantados os seus negocios no viveiro de empresas deste centro.
E se para emprender o que se precisa é iniciativa, os factores que máis condicionan a unha persoa para non dar ese paso decisivo son o medo ao fracaso, a inexperiencia e a falta de información e de recursos. Neste sentido, a mensaxe que se lles transmitiu aos alumnos durante este seminario foi que moitas veces é o entorno o que determina a elección final, polo que non sempre os consellos que proceden da familia son os máis axeitados. Por outra banda, o feito de fracasar unha vez non ten porque significar que iso vai ocorrer sempre.
En canto á idea que sirve de base ao proxecto empresarial, son múltiples as fontes das que pode xurdir. Nalgunhas ocasións basta simplemente con observar a realidade e tomar conciencia das necesidades existentes nun determinado lugar; mentres que noutros casos pode ser unha afección persoal a que dea pé á creación dun negocio. As viaxes e o coñecemento de experiencias que se desenvolven noutras cidades ou noutros países tamén poden ser o xermolo dun novo proxecto empresarial. En calquera caso, a viabilidade dese proxecto dependerá en grande medida do grao de madurez desa idea inicial, para o cal resultará fundamental desenvolver un plan de empresa e dispoñer de recursos, xa que as subvencións non sempre chegan.
Máis homes que mulleres
Para animar aos estudantes a emprender, a representante de BIC Galicia informounos dalgúns datos recollidos no Informe GEM do 2007, segundo o cal cada vez se emprende máis e na maioría dos casos trátase de pequenas empresas. En canto ao perfil do emprendedor, trátase dun home cunha media de idade de 38 anos. Non obstante, o citado informe tamén reflicte que a porcentaxe de mulleres galegas emprendedoras é superior á media española, que é a máis elevada de Europa. Ademais, as empresas creadas por mulleres son as que menos pechan.