«Lucensia» abre o seu número 37 cun traballo sobre a Guerra da Independencia na Diócese de Lugo

La Voz

LUGO

19 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi presentado onte en Caixa Galicia o número 37 da revista de cultura e investigación Lucensia , que promove a Biblioteca do Seminario Diocesano. A publicación ábrese cun artigo de Óscar González Murado sobre a Guerra da Independencia na diócese de Lugo. Ofrece interesantes datos sobre batallas e masacres acontecidas nos territorios da diócese, ademais de contar con mapas explicativos.

A revista continúa cun traballo sobre o mosteiro de Samos e o documento coñecido como Salus Hispaniae , ou Reconquista, feito por José Luis Vélez Álvarez e Carolina Casal Chico.

Como vén sendo habitual nos últimos números desta revista, recóllese un artigo sobre toponimia, neste caso o do concello de Baleira. Tamén, Adolfo de Abel Vilela, fai un repaso polos alcaldes de Lugo durante o século XVIII. E o investigador Luis López Pombo prosegue cos seus estudos sobre a alta montaña, e neste caso ofrece un sobre a Casa dos Armesto y Ron, en Pedrafita. No apartado de comentarios hai un feito por Begoña González sobre o palacio de San Marcos e outro sobre o aniversario do Orfeón Lucense, feito polo seu presidente, Xulio Xiz. Lucensia remata coas habituais reseñas sobre libros.