19 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.
A localización de restos dun asentamento castrexo na Piringalla, fronte aos depósitos da auga, constituíu unha das maiores sorpresas no mundo arqueolóxico lucense dos últimos anos. Rodríguez Colmenero visitou a zona cando se levaban a cabo algunhas escavacións arqueolóxicas.
-Ten vostede un profundo coñecemento da historia da cidade romana. Á luz desa información, ¿como interpreta ese achado?
-Iso é importante. Eu só o vin unha vez. O director da escavación invitoume moi amablemente. É unha escavación moi sectorial, moi fragmentaria, nas que se descobren muros e foxos. Partindo da aparición dun xacemento de tipo castrexo, que non digo que sexa un castro, alí, si podo dar unha explicación do que significa no panorama xeral de Lugo e o nacemento da cidade. En primeiro lugar hai que ter en conta que Lucus Augusti necesita un lugar de referencia para ubicación do lucus , que, contrariamente ao que cre a xente, incluídos certos eruditos locais e non tan locais, non é só un bosque sagrado, nin un claro no bosque; pode contar incluso con edificios sacros destinados ao culto. Pode ser que aí residira, que sexa o sitio de referencia dese lucus prerromano, que non sería unha cidade nin un campamento, senón que sería unha especie de poboado, lugar sacro, dedicado a unha divindade local. Cada vez temos máis aras dedicadas a luco , a lucovus ; ultimamente apareceron outras dúas. Pode ser que realmente ese sexa o sitio -non o digo con certeza- de atribución dese hipotético lucus prerromano que realmente estaría nese bosque emerxente sobre o Miño.
-¿Por que, entón, a cidade naceu máis abaixo?
-Porque foi magnificamente programada por enxeñeiros romanos, tanto o campamento como a cidade. E deixaron, posiblemente, aquilo alí -non chegou alí a cidade aínda que tiña boas condicións para elo- porque había un nacente de auga e se algún día a cidade quería ter auga corrente, tiña que aproveitar a gravidade para que chegara polo seu propio peso. O que se empezou a descubrir aí pode que sexa nada, pero pode que sexa realmente punto de referencia para ese lucus prerromano. É unha opinión, só unha opinión porque non teño datos, pero visto os paralelos con outros lugares non me estrañaría que fora así.