«Temos un Parlamento noviño e aínda non hai esa proximidade que nos gustaría»

LUGO

02 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os parlamentos son as institucións menos coñecidas. Con este convencemento, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, considera moi necesarias xornadas como a que hoxe se celebra na capital lucense baixo o título Convivencias Bimilenarias .

-¿A estas alturas, realmente son necesarias iniciativas como esta?

-si, moi necesarias. Os parlamentos son as institucións menos coñecidas. Aínda son moitos os cidadáns que confunden os poderes lexislativo e executivo. Hai moita xente que confunde o Parlamento co Goberno. É preciso dar a coñecer o Parlamento porque nel reside a vontade popular. É necesario, para unha cidadanía cada vez máis crítica e participativa, que se coñeza ben o Parlamento.

-¿A que se debe que aínda non sexa unha institución ben coñecida?

-Temos 27 anos de historia; temos un Parlamento aínda noviño e aínda non hai esa proximidade que nos gustaría que houbera.

-¿Cre que hai diferenzas acusadas entre o nivel parlamentario autonómico e o nacional?

-Todo se pode mellorar, pero non hai tal diferenza. Nesta lexislatura no Parlamento de Galicia hai un traballo intensísimo; traballa moito e traballa ben, pero é un traballo pouco coñecido. As portas do noso Parlamento están sempre abertas e pódense seguir as sesións na páxina web.