A auga será o eixe central das actividades de xuño e xullo de Lugo Patrimonio


Ao líquido elemento estarán dedicadas as actividades que Lugo Patrimonio desenvolverá nos dous vindeiros meses e que onte presentaron o presidente e o vicepresidente desta asociación, Lois Diéguez e Adolfo de Abel Vilela.

Como en anteriores convocatorias, as actividades consistirán nunha serie de conferencias, a celebrar no salón de actos da Deputación, complementadas con viaxes a lugares relacionados co asunto abordado. Neste caso, o ciclo consta de dúas partes: unha primeira dedicada ás augas dos ríos e outra ás dos mares.

A primeira das conferencias será o vindeiro mércores, e nela o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro falará da auga na cultura popular. O día 10 de xuño será o etnógrafo Xosé Manuel Vázquez Rodríguez o que diserte sobre o patrimonio fluvial: legado e novos usos. Para completar estas charlas, o día 14 os participantes visitarán Belesar.

Xa no mes de xullo, concretamente o día 3, o profesor Francisco Luis Rodríguez Guerreiro abordará na súa conferencia o tema da arte, os usos e a cultura arredor do mar. Nesta ocasión o lugar a visitar será Viveiro, a onde os asistentes se desprazarán o día 12.

As prazas para acudir a estas viaxes están limitadas a 55, tendo preferencia os socios de Lugo Patrimonio, aínda que estando abertas a todos. Os interesados en ir a Belesar poden apuntarse o día 3 de xuño na galería Sargadelos, entre as seis e as oito da tarde, e ao día seguinte na Deputación, entre as sete e as oito. Para a viaxe a Viveiro, a inscrición deberana realizar o día 2 de xullo en Sargadelos, ou o 3 na Deputación, nos mesmos horarios que no caso anterior.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

A auga será o eixe central das actividades de xuño e xullo de Lugo Patrimonio