Estudan en Chantada como facer accesible o sartego de Fornas

LUGO

08 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A concellería de Turismo de Chantada negociará cos propietarios da finca en que se encontra o sartego de Fornas, na parroquia do mesmo nome, para intentar abrir un acceso que facilite as visitas a este monumento, situado xunto á estrada que une a capital do municipio con Antas de Ulla. «O sartego está nun sitio moi estratéxico para ser visitado, pero forma parte dunha finca privada pola que hai que pasar necesariamente para velo, así que habería que estudar a forma de habilitar un pequeno carreiro con este obxectivo», explica a este respecto o edil Alfonso Piñeiro. «Aínda non tivemos ocasión de falar cos donos do terreo, pero espero que non haxa moitas dificultades para chegar a un acordo», agrega.

Debido ao feito de acharse nun terreo particular ao que de momento non se pode acceder, a oficina turística de Chantada non proporciona información sobre este monumento nin recomenda visitalo. Non obstante, o sartego é mencionado desde hai moito tempo en diversas publicacións, como a guía de Chantada que publicou en 1991 o falecido escritor Ánxel Gómez Montero. O lugar tamén está incluído nos inventarios oficiais da Dirección Xeral de Patrimonio.

O sartego de Fornas encádrase nunha clase de sepultura antropomorfa medieval bastante común en Galicia e asociada a miúdo ás antigas fundacións monásticas. É do tipo coñecido como sepulcro bisomo, isto é, preparado para aloxar dous corpos ao mesmo tempo. A cavidade aberta na rocha mide sobre 1,95 metros de longo, cunha anchura máxima duns 85 centímetros, e está rodeada dun pequeno bordo tallado que probablemente serviu para encaixar unha tapa que cubría todo o oco.

Segundo o filólogo Fernando Cabeza, é moi posible que esta sepultura dese o nome a toda a parroquia de San Cristovo de Fornas. O topónimo, ao seu xuízo, derívase da palabra latina furnus -forno ou concavidade- e está emparentado con outros nomes de lugar repartidos por Galicia, como Fornelos, Fornacho ou Fornaco, que se relacionan igualmente coa presenza de sepulturas antropoides.