Trío de artistas no Museo Provincial

C. López

LUGO

Esta tarde inaugúranse as exposicións de López Guntín, Manuel Monteserín e Pacios

28 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois desa visión universal da arte que o martes supuxo a inauguración no Museo Provincial dunha vintena de obras de Miquel Barceló, esta tarde é a quenda de tres artistas lucenses, pero non por iso menos universais. Non en van, as obras de López Guntín, Manuel Monteserín e Pacios van ocupar as salas número 26, 27 e 28, é dicir, as que ata agora daban cabida ás obras de Nelson Zumel, outro artista cunha proxección histórica.

Como recoñecía onte a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, coa apertura das mostras destes tres artistas o que se pretende é trazar un panorama da plástica lucense da época. E para facelo, nada mellor que elixir a uns pintores moi vencellados ao lugar que vai acoller esta exposición, posto que dous deles foron bolseiros da Deputación Provincial, da que depende o museo; mentres que Pacios traballou no propio museo ao longo duns vinte anos.

Esa proximidade con este artista é a que vai marcar precisamente a mostra a el dedicada, na que se vai poder ver unha visión distinta de Pacios. Buscando ese punto humano que segundo a xerente é o que define os actos do 75 aniversario do Museo Provincial, esta exposición pretende ser, en palabras de Encarna Lago, «unha homenaxe ao Pacios compañeiro, ao Pacios noso, co que compartimos tantas horas de traballo».

O Pacios compañeiro

Nestas circunstancias, esta non será só unha mostra na que se expoñen as obras que Pacios fixo e que quixo deixar ao museo, senón que tamén se poderán ver as fichas de catalogación que el creou e personalizou e outros obxectos do seu quefacer diario. Só deste xeito o Museo Provincial agarda saldar a débeda con ese gran artista que foi Pacios, tan querido polos seus compañeiros que estes chegaron a escribirlle un artigo de homenaxe no Boletín do Museo do ano 1983.

Polo que respecta ás exposicións de López Guntín e Manuel Monteserín, contan ambas cun comisario de excepción: Paco Pestana, quen recoñece que a mostra que esta tarde se inaugura concentra a tres artistas moi especiais.

Pestana fala de López Guntín como un pintor cercano a Maside, que tivo unha infancia complicada, pero que en ningún momento chegou a perder o seu bo humor e a súa bonhomía. Á marxe das súas obras ligadas ao mundo agrario e ao campesinado, foron moitos os retratos feitos por López Guntín, que chegou a retratar a familias enteiras de Lugo.

O López Guntín máis libre

Non obstante, en opinión de Paco Pestana, o mellor López Guntín é o dos últimos dez anos da súa vida, o que consegue despegarse de si mesmo e empezar a ser pintor. E este é o que se pode ver nos 14 cadros que compoñen esta exposición. «Son obras dun expresionismo abstracto moi feroz, que sen dúbida van supoñer unha revelación para moitos coleccionistas. Este non é o López Guntín intimista, senón o artista máis libre do final da súa vida».

Un gran músico, un gran lector e un gran pintor. Estas tres facetas conxúganse na vida de Manuel Monteserín, o único dos tres artistas dos que hoxe se inaugura exposición no Museo Provincial que aínda está vivo. Del di Paco Pestana que con só 12 anos pintaba uns retratos que admiraban ao propio director do museo e xa con 16 chegou a ser comparado cos grandes mestres do xénero. Os seus retratos dun bo número de membros da realeza española servíronlle para especializarse neste tema, ao tempo que lle valeron o cualificativo de retratista de postín. Haberá que comprobalo nas 23 obras que del se expoñen dende hoxe no museo.

Manuel Monteserín é un artista bastante alonxado das vangardas, que non adoita estar de acordo coas artes contemporáneas. Pestana defíneo deste xeito: «Un clásico que pinta coma os deuses. Un pintor que mima a paisaxe ata o punto de que contemplando os seus cadros se pode ver a natureza».

Monteserín, pintor e músico

Como xa dixemos, ademais de pintor, Monteserín é un lector empedernido e un amante da música. Por iso, no acto inaugural desta tarde, aparte de acudir para presentar as súas obras, tamén ofrecerá un pequeno aperitivo musical acompañado do seu violín e dos tamén músicos Rafael Úbeda e Francisco López.

A cita será ás oito desta tarde no Museo Provincial.