A catedral e varios templos da diócese estrean paneis e folletos informativos


Dar información do rico patrimonio cultural da diócese de Lugo, da riqueza histórico-artística da súa catedral, das súas igrexas e dos seus conventos. Este é o obxectivo do proxecto Monumenta Lucensia , que onte foi presentado na catedral de Lugo polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguibar, e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco.

Ao abeiro deste proxecto, que contou cun investimento de 68.336 euros, instaláronse 30 paneis informativos noutros tantos puntos de interese da catedral, das igrexas dos conventos de San Francisco e Santa María A Nova, da igrexa de San Bartolomeu e das capelas da Soidade, do Carme e de San Roque. No caso da catedral, os paneis están colocados en lugares estratéxicos, como é o caso das entradas, o coro, o retablo de Cornelius de Holanda, a sancristía, o claustro e as capelas.

Para completar a información dos mencionados monumentos que se ofrece nos diferentes paneis, editáronse unha serie de folletos, aos que se sumaron tres máis dedicados ao Lugo Romano, o Camiño Primitivo e a igrexa do convento de Santo Domingo. Ese conxunto de dez folletos informativos recóllese en cartafoles que se van repartir na Oficina de Turismo de Lugo. Editáronse un total de 11.000 exemplares deses folletos, en galego, castelán e inglés.

Os paneis informativos inclúen fotografías e textos explicativos que son obra do historiador Adolfo de Abel Vilela, quen recoñecía onte que o artífice desta iniciativa fora o párroco da igrexa de Santiago A Nova, don Xosé, unha persoa que amosa unha grande querenza polo patrimonio e insiste na necesidade de coidalo e conservalo, pero tamén de dalo a coñecer, de aí o apropiado de estender este proxecto á catedral e a todas as igrexas da diócese, xa que, como asegura este historiador, «a xente quere saber que é o que está vendo».

Pola súa banda, o conselleiro de Innovación e Industria afirmou que Monumenta Lucensia da resposta á demanda de información dos lugueses e dos foráneos sobre os monumentos que visitan. Blanco sinalou neste sentido que, agás a muralla romana, o resto dos monumentos da cidade non dispoñían de ferramentas e soportes informativos. Así mesmo, anunciou que ao longo do presente ano se levarán a cabo outros proxectos como a restauración das igrexas de As Saamasas e de Santa Leocadia de Romeán e a limpeza do templo de Santiago A Nova.

Actuación no Museo Diocesano

Fernando Blanco recordou o compromiso do departamento que dirixe de renovar o Museo Diocesano de Lugo. Así, no vindeiro mes de marzo estará ultimada a elaboración do proxecto de musealización das moitas obras de valor artístico e histórico que posúe este museo, procedéndose á súa ordenación, catalogación e restauración. Este traballo de revalorización do patrimonio do Museo Diocesano recibirá unha achega de 200.000 euros da Consellería de Innovación e Industria.

O conselleiro lembrou a magnífica colaboración coa diócese de Lugo na etapa do anterior bispo, frei José Gómez. Unha colaboración que terá continuidade co actual, Alfonso Carrasco Rouco. Este amosouse agradecido e disposto a continuar na senda de colaborar coa Xunta. En relación co proxecto presentado manifestou que «siendo la catedral y el resto de templos de la diócesis tesoros llenos de arte y vida, los podremos conservar y transmitir a las generaciones venideras, de ahí la conveniencia de cuidarlos».

A presentación do proxecto tivo lugar á entrada da capela de San Froilán, un espazo escollido a propósito por ser nesta capela na que se atopa enterrado o anterior bispo de Lugo, frei José Gómez, cuxa tumba visitaron ao finalizar o acto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A catedral e varios templos da diócese estrean paneis e folletos informativos