Reigosa, un neno da Pastoriza

Suso Varela suso.varela@lavoz.es

LUGO

28 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Casa da Cultura da Pastoriza quedouse pequena onte pola tarde no acto de presentación do libro de conversas O misterio de Carlos G.Reigosa , que vén de publicar Xerais. Os paisanos e amigos do autor nado hai 59 anos neste concello lugués quixeron arroupar ao seu máis ilustre veciño.

O acto foi presentado polo rexedor da Pastoriza, Primitivo Iglesias . Entre o público tamén houbo outros alcaldes lucenses, como os de Meira, Antonio de Dios ; Abadín, José López Rancaño ; e o de Castro de Rei, Juan José Díaz . Logo das palabras de Iglesias, falou o editor Manuel Bragado , quen presentou a traxectoria literaria de Reigosa, autor que ten a maioría da súa produción en galego publicados en Xerais. Tamén fixo un repaso polo traballo narrativo e xornalístico do escritor pastoricense o crítico Ángel Basanta , quen destacou a influencia que tivo e ten a obra de Reigosa na literatura contemporánea. Un dato para os que somos amantes dos volumes de Carlos G.Reigosa, Basanta destacou Intramundi como a súa mellor peza literaria. Seguro que cada un ten a súa preferida. Dous xornalistas. Tamén interveu no acto o autor do libro de conversas, o colega vigués Xosé Manuel del Caño , auténtico culpable de que o libro presentado estea agora nas librarías. «Chamoume un día para pedirme un libro de conversas, e sorprendeume porque non o coñecía persoalmente e ademais pode ser algo prematuro, pero foi un xesto que me alagou e que me honra», destacou Reigosa.