Villares e Gubern inician un ciclo de charlas sobre viaxes

LUGO

28 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O vindeiro mércores, o presidente do Consello da Cultura Galega e profesor de Historia da USC, ramón Villares, ofrecerá a primeira dunha serie de cinco conferencias que o Club Valle-Inclán programou baixo o título De camiños e viaxes. «Propoñemos un xeito de coñecer diversas viaxes, da man de auténticos expertos e coñecedores dos camiños máis universais», sinalan desde o colectivo o cultural lucense.

A conferencia, ao igual que o resto do ciclo, será ás oito do serán no salón de actos de Caixa Galicia e con entrada libre. Ramón Villares Paz falará de Os camiños en Galicia. Séculos XVIII e XIX. Ferrocarril .

La segunda das conferencias previstas será o 27 de novembro e correrá a cargo do que para moitos é o principal historiador de cine que hai en España, o catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Román Gubern. Falará precisamente das viaxes no cine, «as viaxes ao espazo; ás viaxes xeográficas e as viaxes cara o interior de un mesmo», sinala o encabezamento da conferencia.

Precisamente grazas á colaboración de Román Gubern poderase ver na cidade unha película moi pouco exhibida en España nas últimas décadas: A vía láctea , de Luis Buñuel. Trátase dunha obra moi persoal do xenial director aragonés sobre o Camiño de Santiago. Este filme poderase ver dentro dun ciclo que o Clube Valle-Inclán programou como complemento ás conferencias sobre viaxes. As películas sobre esta temática poderanse ver do 17 ao 21 de decembro, aínda que de momento non se deron a coñecer máis títulos.

Xa para o mes de xaneiro, o colectivo cultural lucense proseguirá o ciclo de conferencias coa presenza doutras tres persoas, que falarán doutros aspectos relacionados coas viaxes. Tanto o ciclo de cine como o de charlas contarán co patrocinio do Plan Xacobeo.

Outono literario

Por outra parte, proseguen as conferencias Outono literario , que tamén promove o Valle-Inclán. O martes acudirá a directora e autora teatral Ánxeles Cuña, quen falará de teatro na Galería Sargadelos, ás oito do serán. Ao día seguinte, a escritora e profesora da Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, falará á mesma hora e lugar das relacións de Lugo coa literatura.

O ciclo seguirá coas intervencións do secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos (o día 5 de novembro); o investigador e crítico literario Armando Requeixo (o día 8); e as xoves escritoras lucenses María Xosé Barrios e María Reimóndez, que manterán unha mesa redonda (o día 9) sobre a nova xeración de narradoras en Galicia e as dificultades que se poden atopar os escritores que comezan a súa carreira literaria.