«A actual división da provincia de Lugo podía ter sido outra»

Este estudoso da historia local considera que o reparto que fixo Javier de Burgos foi de tipo práctico e que co tempo impoñeranse cambios similares nos concellos


Para o historiador Adolfo de Abel Vilela o pasado de Lugo ten moitos menos segredos que para a maioría dos seus habitantes, xa que leva case toda a súa vida dedicado a investigalo. Afeccionouse á historia á temperá idade escolar, ditándolle a Narciso Peinado os apuntes do libro Lugo monumental y artístico , para pasalos a limpo.

-¿Cre que hai suficientes vínculos históricos para xustificar a delimitación da provincia de Lugo que fixo Javier de Burgos?

-A división actual da provincia de Lugo podía ter sido outra, porque hai que ter en conta que antes eran sete provincias e en lugar de reducilas a catro tamén as puido deixar en cinco, por exemplo.

-¿Foi, logo, unha cuestión de reducionismo ao máximo?

-Foi unha situación similar a que hoxe tamén se podería propoñer cos concellos, que co tempo terase que facer. Eran divisións de tipo práctico que se acabaron impoñendo, porque as provincias non coincidían coas diocese, e seguen sen coincidir, anque a Igrexa fixo hai non moitos anos unha adecuación da división eclesiástica, en parte, a das provincias. A diocese de Lugo segue a ter parroquias na da Coruña e Pontevedra, pero hai tempo tamén as tiña na de León, e a de Oviedo tíñaas na de Lugo.

-¿Que feito máis significativo aconteceu en cada unha das tres zonas da provincia ou común ás tres?

-Na Mariña puido ser os sucesos do mariscal Pardo de Cela, pero están relacionados cos dos irmandiños, que afectaron a toda a provincia e a Galicia, xa que non se pode esquecer que ese territorio era da provincia de Mondoñedo, e que o señor máis importante era o conde de Lemos, que desde o sur da provincia controlábao todo e estaban emparentados.

-¿O bispo Izquierdo foi tan determinante para a cidade como Xelmírez para Santiago?

-Foron distintos. Xelmírez foi un político; era un cabaleiro místico, daqueles guerreiros mitrados. Izquierdo foi un gran bispo por benefactor da cidade, xa que foi o impulsor do acueduto polo que chegou a auga a unha cida que escasea dela. Como bispo foi importante, pero tamén houbo outros como Pedro López Aguiar, no século XIV, que fundou o convento de Santa María A Nova.

-¿O bispado, co cabildo, chegou a ter máis poder na cidade que outras institucións como os monarcas ou o Exército?

-Lugo era cidade de señorío, aínda que o bispo sempre estaba subordinado ao poder real. Pero a cidade estaba repartida territorialmente entre o cabildo e o bispo, en canto ás rendas. De todos os xeitos, aos bispos nomeábaos o papa, pero quen os propoñía era o rei, polo que sempre era da confianza deste. Había cidades de realengo e de señorío episcopal, e a nosa era destas últimas. O señor e conde da cidade era o bispo, e o último bispo que utilizou ese título foi frai Hipólito Sánchez Rangel, que chegou a Lugo no 1824.

-¿Que motivou esa perda de poder do bispado?

-A Constitución de 1812, que pon fin á monarquía absoluta, aínda que despois Fernando VII gobernou como monarca absoluto e foi o último que o fixo. Na famosa Pepa, promulgada polas Cortes de Cádiz, consta a abolición dos señoríos, e o bispo perde por completo o poder, que pasa ás mans dos políticos. Con Isabel II xa se produce a modernización da Administración e cambian os concellos, que son por elección. Antes os cargos de rexedores eran oficios que se mercaban e que ocupaban os cabaleiros, os señores, e soamente eran por elección os deputados.

-Ramón Villares dicía nunha entrevista de La Voz que o mellor século para Galicia foi o XII, cando se fixo a catedral de Santiago. ¿Cal foi o mellor para Lugo?

-O mesmo. En varias ocasións o rei tentou de repoboar a cidade de Lugo, no sentido de restablecer a Administración, ademais de traer habitantes. Eso facíano en colaboración cos bispos, e foi Alfonso VI o que encargou a don Raimundo de Borgoña e á súa filla, dona Urraca, a repoboación de Lugo, que a conseguen traendo xente do centro de Europa e dando exencións a todos os que concurrisen ao mercado ou feiras mensuais e anuais. Iso propicia que haxa artesáns e que se desenvolva o comercio.

-¿Como se reflectiu?

-A cidade ten auxe porque no 1130 comezase a nova catedral, estase facendo un hospital novo e estase a reconstruír a ponte. Eran grandes obras públicas que precisaron cartos e deron un pulo económico á cidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«A actual división da provincia de Lugo podía ter sido outra»