O PP quere que o plan de reequilibrio inclúa actuacións relativas á autovía Nadela-Sarria e ao Camiño de Santiago

C. López

LUGO

01 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«A única obra incluída neste 'suposto plan' provén do anterior goberno do PP na Xunta de Galicia». Deste xeito se refería onte a deputada autonómica do PP, Carmen Janet Salgado, ás carencias que o Plan de Reequilibrio presenta con respecto á comarca de Sarria. Na comparecencia estivo acompañada polo deputado provincial e alcalde de Paradela Xosé Manuel Mato, e polos voceiros do PP en Samos e Sarria, Manuel López Armesto e José Antonio García, respectivamente.

Os populares fixeron un repaso do atraso acumulado na execución da autovía Nadela-Sarria. Neste sentido sinalaron que, en contra do anunciado no seu momento de que o corredor de Lugo a Sarria estaría listo a finais deste ano, as previsións máis optimistas falan do 2008-2009 como data de finalización. Mentres tanto, un cuarto tramo, o que unirá o enlace Sarria Norte coa estrada de Becerreá e o polígono do Morelle, leva dous anos parado. En canto á transformación deste corredor en autovía, Carmen Janet Salgado afirmou onte que está máis que xustificada, xa que actualmente máis de dez mil vehículos utilizan este corredor.

En opinión dos responsables do PP, a marxinación do plan de reequilibrio coa comarca sarriana tamén se fai evidente coa situación da estrada que une Sarria e Becerreá, tal como quedou plasmado na votación dunha emenda presentada polo Partido Popular e rexeitada por socialistas e nacionalistas.

Os populares tamén botan en falta no citado plan referencias ao Camiño de Santiago ao seu paso por esta comarca e apostan por deseñar un plan para rehabilitar os núcleos polos que pasa o Camiño.

Pola súa banda, Manuel Mato propuxo activar unha serie de obras, concretando prazos e orzamentos, que considera necesarias para o desenvolvemento da comarca de Sarria. Entre elas mencionou a estrada Incio-Rubián-Castro de Rei de Lemos-Currelos-Ponte de Mourelle-Taboada, que pese a estar toda ela proxectada e con todos os informes favorables, sigue parada despois de que só se fixese o primeiro treito. Pendente de execución está tamén a estrada A Pobra-Láncara.

Mato afirmou que tampouco se está a facer nada en relación coas infraestruturas hidráulicas, pese a existir un proxecto e un protocolo co Concello.