Alonso Montero e Isaac Díaz Pardo intervirán no curso sobre as vítimas do 36 que comeza mañá en Humanidades

C. López LUGO

LUGO

07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Comeza este luns, día 9 de xullo, o primeiro dos cursos de verán que a Universidade de Santiago ten programados para o campus de Lugo e que analiza a memoria das vítimas da Guerra Civil española en Galicia. Dirixido por Claudio Rodríguez Fer, conta cun total de 30 horas lectivas, distribuídas en quendas de mañá e tarde, dende este luns ata o venres, día 13. O relatorio inaugural correrá a cargo do profesor emérito da USC Xesús Alonso Montero e levará por título «Os escritores galegos e a represión: as musas do medo». Seguirá coa intervención da tamén profesora da USC e escritora, Carmen Blanco, que falará sobre o papel das mulleres na resistencia antifascista. Pola tarde celebrarase unha táboa redonda sobre a desfeita e recuperación da memoria galega na que intervirá o intelectual Isaac Díaz Pardo e portavoces das asociacións da Iniciativa Galega pola Memoria. Rematará o día coa intervención do secretario da Real Academia Galega, o profesor Xosé Luis Axeitos, co relatorio «Represión e memoria galeguista: de Camilo Díaz Baliño a Isaac Díaz». Nos vindeiros días as charlas, debates e relatorios abordarán temas como a represión nas diferentes provincias galegas e a persecución de socialistas, comunistas, anarquistas, masóns ou republicanos, entre outros, incluíndo testemuñas de primeira man de varias persoas de familias represaliadas, encontros que terán lugar nas tardes do martes, mércores e xoves. Así, coñeceranse os casos do sindicalista Francisco Mazariegos, da mestra Mercedes Romero Abella, do líder galeguista Alexandre Bóveda, do gobernador republicano da Coruña Francisco Pérez Carballo e da intelectual republicana Juana Capdevielle, asasinados todos eles en 1936. O curso rematará o venres 13 cun recital poético e coa interpretación da compañía de teatro da Vicerreitoría Cultura da peza quilómetro 526 , dirixida por Paloma Lugilde e baseada no texto As costureiras , de Claudio Rodríguez Fer. A matrícula nos 30 cursos que organiza este verán a Universidade de Santiago en distintos puntos de Galicia rexistrou un aumento dun 25 por cento. Así, serán máis de dúas mil as persoas que participen nalgún destes cursos, que, ademais de en Santiago de Compostela e en Lugo, se van celebrar en Foz, Sarria, Seoane do Courel, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Rei, Catoira e Lalín.