Esculturas de Xoán Vila

XULIO LÓPEZ VALCÁRCEL

LUGO

OPINIÓN | O |

23 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NON era pequeno desafío o que enfrontaba Xoán Vila na súa última exposición: responder á expectativa que unha sala como a da Deputación esixe. E abofé que Vila sae airoso do envite. A natureza e tradición popular galega inspiran a súa obra. Un humor, instalado entre o choqueiro e o inxenuo, e a tenrura duns seres que se manifestan sen dobreces, préstanlle graza e sabor ás pezas. Madeiras de castiñeiro, carballo, freixo e bidueiro, do noso Romeán natal, contribúen a dotar de unidades a todo o conxunto. As orientacións de Paco Pestana, que apadriña o evento e fai o texto de presentación, «pasmadiños e calados furasebes» non se ven, pero están. Rostros, máscaras, formas orgánicas, fenómenos naturais, forxan un cosmos persoal e popular, irónica e ao mesmo tempo inocente, que funde as súas raizames no románico e na arte anónima, e que Vila recrea con acerto. Esculturas exentas en tres dimensións unha veces, planas outras, madeiras policromadas nas que aparecen homes e mulleres caracterizados por un expresionismo burlón de ollos desorbitados e de bocas abertas como peixes moribundos. Noutros casos busca Vila as formas que a propia madeira ofrece: imaxes caprichosas, suxeridas, froito da investigación na materia, da disposición aberta do escultor. A través do azar e da imaxinación descobre formas que xa existían. Agardaban a que o artista lles conferise o sopro vital, a existencia. A peza que se podía ver na entrada, coa perspectiva en fuga cara o fondo, abandonada nun sono intemporal e sereo, chea de indulxencia e de resignación. Unha obra mestra que sería suficiente para xustificar a exposición, se outras moitas pezas, bifrontes unhas, planas outras, conformando un retablo unitario de «santos» campesiños e populares, non engadisen a súa achega. Outro acerto foi a instalación do taller do propio artista con obras en xestación. Mesa de traballo, presenza do autor nas cousas, mundo propio, alento, personalidade diferenciada, a que amosa Vila, auténtica realidade xa da nosa escultura.