«Populismo é escoitar á xente e atendela»

LUGO

ÓSCAR CELA

Entrevista | Xosé Clemente López Orozco

24 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?osé Clemente López Orozco, profesor do instituto Lucus Augusti de Lugo, máis coñecido como alcalde de Lugo nos oito últimos anos, e como o político mellor valorado de Galicia, volve a presentarse á reelección. -Despois de tanto debate sobre pontes, auditorios e outras obras, imos con datas concretas. ¿Para cando a ponte nova sobre o río? -Se non hai que facer declaración de impacto ambiental, a finais do 2009. -¿E o auditorio? -Depende do informe da Unesco, pero se é positivo, en tres anos está rematado o auditorio en San Fernando. -¿O desdobramento das entradas á cidade dende Nadela ou a Campiña? -A finais do ano que vén estarán todas rematadas. -¿O novo hospital? -A pesar de que son obras que non levamos directamente, en xaneiro do 2009 estará funcionando, xunto con todos os viais perimetrais e a ronda este. -¿Que vai pasar co carril bus? -Estudaremos no plan de tráfico onde, como e de que maneira se implantará. Vai haber carril bus, pero nos sitios onde faga falta, e non onde sexa máis o prexuízo que a vantaxe. -¿Desaparecerá para sempre o carril bici? -Está contemplado dentro do plan xeral de mobilidade. E na última comisión de goberno precisamente aprobamos as cinco bases de ubicación de bicicletas, que os lucenses poderán utilizar para desprazarse pola cidade ou percorrer as sendas verdes que bordean a cidade. O político ten que ir por diante, pero pobre do político que mire para atrás e non haxa ninguén que o siga. A necesidade hai que creala pouco a pouco, e neste caso creo que o facemos ben, e tamén colabora a Consellería de Industria con nós neste proxecto. O que está claro é que o coche hai que deixalo, polos problemas medioambientais que xera, e porque xa non cabemos todos. -A cidade sigue chea de papeis e carteis pegados nas paredes, de pintadas, e de chicles e cabichas tirados no chan. -Mellorou moito a conciencia neste asunto. Precisamente vostede pregúntame agora por isto, porque aumentou a concienciación, e coa nova empresa da limpeza aínda van mellorar as cousas. Só hai que seguir insistindo. -¿Hai intención de converter o río na gran zona verde da cidade? -Dende a pasarela de San Lázaro, que xa está contratada, ata Ombreiro e o Corgo hai oito quilómetros de paseos colaterais ao río, e grandes áreas verdes como a colateral ao recinto feiral. -Non se avergoña de que lle chamen populista, senón que o asume. -Si, porque populismo é estar coa xente, escoitala e responder ás súas necesidades. -¿Segue habendo escaseza de vivenda en Lugo? -Si, porque ata 165 euros por metro cadrado pódense construír vivendas moi dignas. Hai moita necesidade de vivenda social e de promoción pública, pero realmente a eses prezos.