Cogace vendeu o pasado ano 31 toneladas de carne de tenreira ecolóxica

Cristina López LUGO

LUGO

ÓSCAR CELA

O noventa por cento dos produtos Xatogal son adquiridos por particulares de toda España A cooperativa agarda lanzar ao mercado dentro dun mes unha nova marca: Viteval

14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A Cooperativa Galega de Carne Ecolóxica (Cogace) incrementou as súas vendas nun cincuenta por cento no último ano. Así o afirmou onte Rafael Rivadulla Varela, director técnico de Cogace e responsable da asesoría agrícola Agronovo, encargada da difusión da marca Xatogal, que é a empregada por esta cooperativa para comercializar no mercado a súa tenreira ecolóxica. Á hora de facer balance da andaina desta marca ao longo do pasado ano, Rivadulla recoñeceu que se a finais do 2005 o volume de vendas acadaba as 21 toneladas de produto ao ano, ao remate do pasado ano esa cifra acadou as 31 toneladas. En canto á facturación, o incremento foi do 45 por cento. Segundo o director técnico de Cogace, a maior parte desas vendas -arredor do 90%- fanse a particulares; mentres que o resto se comercializa en tendas especializadas. A marca Xatogal está presente hoxe na práctica totalidade do territorio nacional e as vendas ao resto de España xa superan ás que se fan en Galicia. Os puntos de venda máis destacados son os situados en Valencia, Cataluña e Madrid. Trátase de zonas con clientes dun maior poder adquisitivo, aos que non lles importa pagar a diferenza de prezo que existe entre esta tenreira ecolóxica e a convencional. En calquera caso, este é un produto moi apreciado por todos os españois. Contactos no exterior Polo que respecta ao mercado internacional, aínda que Cogace non conseguiu polo momento introducir nel os seus produtos, si que está levando a cabo contactos para facelo. De feito, o presidente, José Manuel Fraga, e outros membros da cooperativa están participando na feira de produtos ecolóxicos Biofach, que se celebra ata o domingo en Alemaña e na que agardan establecer algúns contactos que poderían frutificar nos vindeiros meses coas primeiras vendas ao exterior. Polo demais, poucos foron os cambios vividos por esta cooperativa no último ano. Así, seguen sendo oito as explotacións galegas nas que se produce a carne ecolóxica que logo se vende baixo a marca Xatogal. Esas granxas, seis das cales se atopan nos concellos chairegos de Abadín, Guitiriz, Vilalba e Xermade, e as outras dúas nos coruñeses de Boimorto e Mazaricos, contan cunhas 420 reses, principalmente da raza rubia galega e só unhas poucas de raza cachena, que se alimentan exclusivamente do leite materno, pasto e cereais ecolóxicos. O sacrificio dos animais faise aos nove ou dez meses, cando contan cun peso de entre 175 e 180 quilos. O envasado da carne de tenreira ecolóxica da marca Xatogal lévase a cabo no matadoiro Frilea, de Castro de Ribeiras de Lea. Aínda que nos seus inicios, Cogace optara polo envasado en bolsas ao baleiro, finalmente decantouse por presentar o produto en bandexas individuais de atmosfera protectora debidamente etiquetadas. Polo xeral os clientes adquiren lotes duns dez quilos. O prezo desta carne está entre os 15 e os 17 euros o quilo. O sistema de distribución con que conta esta cooperativa asegura a entrega do produto de xeito case inmediato e nunhas condicións óptimas. Coa marca Xatogal practicamente consolidada, Rafael Rivadulla anunciou que dentro dun mes Cogace lanzará unha nova marca. Será Viteval e tratarase dunha carne de tenreira ecolóxica cun valor engadido en canto ao tema da trazabilidade, xa que se algún dos produtos desta marca que se comercialicen chegasen a presentar algún problema no mercado, poderíase coñecer a que animal pertencen e cal foi a causa dese problema. Aínda que Cogace empezara a comercializar a súa tenreira ecolóxica no ano 2002, foi realmente no 2005 cando a súa marca Xatogal empezou a gañar presenza, ao converterse na primeira en contar con dúas certificacións: a do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e a da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Isto non só supuxo unha forte publicidade para o produto, senón tamén un importante garante da súa calidade.