Vicepresidencia investirá máis de cinco millóns de euros en mellorar a atención a maiores e dependentes

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

27 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

As actuacións previstas na provincia de Lugo para mellorar a atención aos maiores e ás persoas dependentes contarán cun investimento da Vicepresidencia da Xunta de máis de cinco millóns de euros. Así, está previsto que se creen 294 novas prazas para persoas dependentes, como resultado das obras de ampliación que se levarán a cabo nas residencias ou da adecuación de prazas. No caso da provincia luguesa actuarase nas residencias das Gándaras e da Milagrosa, en Lugo, na de Monforte e na de Burela, onde foron presentadas onte estas liñas de actuación por parte do secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, e da delegada provincial de Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos. Dentro da rede galega de centros de día, as actuacións previstas en Lugo levaranse a cabo en doce concellos e contemplan a construción de dúas minirresidencias, seis centros de día e unha serie de reformas nalgúns dos xa existentes. Xa por último, as accións enmarcadas no programa Galiza sen barreiras desenvolveranse en 19 concellos da provincia. Entre esas accións figura a eliminación de barreiras físicas en edificios e espazos públicos, a adaptación de vivendas para persoas con discapacidade e a accesibilidade nas novas tecnoloxías.