O alcalde e a Corporación ditaron medidas de axuda para as familias

La Voz

LUGO

21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello celebrou o 9 de xullo unha sesión extraordinaria na que tomou coñecemento oficial do falecemento o 27 de xuño do concelleiro Pedro García Arcas, vítima dun atentado a man armada na madrugada do 26, nun episodio no que tamén perdeu a vida Victorino Cabarcos López, loitoso incidente que derivarían en sonada manifestación de doo, e de rabia non contida, que meses despois ían traer represión, condenas e mortes, cando se desatou a fera tolemia do enfrontamento civil. Prevencións Con prudente actitude, o Concello presidido por Antonio Páramo Sánchez tomou unha serie de prevencións paliativas da perda de dous homes honrados pais de familia e do desamparo en que quedaban os seus achegados, medidas que, pola furia axiña desatada quedaron sen efecto e aínda agardan a reparación da memoria e das aldraxes pois ata se viu negada a identificación do lugar de enterramento dunha das vítimas. Ninguén podía imaxinar que as vésperas festivas do San Xoán de 1936 desembocarían nun camiño de sangue e enfrontamento, en paseos e escuadras negras, en xuízos sumarios e e loito de viuvas e de fillos. Ningúen o podía imaxinar, e pasou.