A Asociación de Gaiteiros Galegos felicita ao Concello por elixir a Susana Seivane como pregoeira

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

06 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Gaiteiros Galegos, a través dunha nota de prensa, manifestou a súa satisfacción polo feito de que Susana Seivane, «a nosa máis famosa e internacional gaiteira» -como di a nota-, fixese de pregoeira municipal nas festas do San Froilán. Segundo recolle o comunicado, «a Asociación de Gaiteiros Galegos non pode senón felicitar ao Concello de Lugo ante tan acertada e axeitada decisión. Acertada porque deste acto simbólico devén un merecido recoñecemento tanto á figura de Susana Seivane, como ao folclore galego; e axeitada porque Susana Seivane foi quen de conxugar á perfección a digna tradición e a voluptuosa modernidade. Este inestable equilibrio é garantía segura de éxito, de aí que o Domingo das mozas, que dende había trece anos organizabamos en colaboración coa corporación lucense, acadase sona en toda Galicia, sendo moitos os que alí nos achegabamos por ver as actuacións dos mellores grupos de música galega». Pero para esta asociación, non todo se está a facer ben: «Temos que lamentar profundamente a aparición no San Froilan de manifestacións musicais que dificilmente se poden encadrar na digna tradición galega, caso das bandas de gaitas de estética marcial que o ano pasado puidemos ver desfilando. Pregamos que estes tristes espectáculos non se repitan e ofrecemos o noso apoio para que o Domingo das mozas volva ser punto de encontro dos dignos músicos galegos que traballan para mellorar e dignificar a única música do mundo que pertence aos galegos en práctica exclusiva».