Lugo salta á pequena pantalla

La Voz

LUGO

FOTO: PRADERO

A media voz O telefilme «A biblioteca da iguana», rodado na capital luguesa, viviu onte a súa posta de largo na cidade; mentres que o día 21 será emitida pola Televisión de Galicia

16 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Do mesmo xeito que Almodóvar elixiu o seu pobo natal, Puertollano, para a presentación oficial do seu último filme, o lugués Antón Dobao escolleu Lugo para a posta de largo da tv-movie A biblioteca da iguana , dirixida por el e rodada nesta cidade. O único que cambiou neste caso é que o director non estivo arroupado polos principais actores e actrices que participan nesta película feita para a televisión, pero si por moitas outras persoas directamente relacionadas co filme. A novela que deu orixe a todo Entre esas persoas estaba o escritor Xosé Miranda , autor da novela na que se basea a película. Miranda destacou que habería que ir deixando de crer que o que vén de fóra é o mellor, e amosou a súa satisfación porque a TVG volte a poñer en valor a ficción galega. Pola súa parte, Manolo Bragado , director de Xerais, editorial que reeditou a novela A biblioteca da iguana , sinalou que a utilización de textos literarios como base para a elaboración de películas é aínda un diamante por descubrir para a industria audiovisual galega. O pai da criatura Nesa mesma idea incidiu o director, Antón Dobao, ao destacar que o que é habitual fóra das nosas fronteiras, resulta inusual no campo audivisual galego. Para Dobao, a literatura galega conta cun fondo amplo, diverso e válido para a elaboración de películas e o que ata agora se fixo coa adaptación de relatos, poderase facer máis adiante con novelas ou outros xéneros. Ao carón deste director lugués estaba o que un día foi o seu profesor e que hoxe é alcalde desta cidade, José López Orozco , quen aludiu a Lugo coma un plató aberto e dixo sentirse orgulloso de que A biblioteca da iguana fose pensada é feita por un home desta cidade. No Círculo das Artes de Lugo, onde tivo lugar a presentación do telefilme, tamén estiveron presentes Julio Casal , produtor executivo de Ficción Producciones; Eduardo Galán , xefe de programas da TVG; Carlos Fernández , director de emisións desta cadea, e Manuel Conde , subdirector xeral da Dirección Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. A tv-movie A biblioteca da iguana , que emitirá a TVG o día 21, forma parte do proxecto Un mundo de historias , no que tamén se inclúe a película para televisión Pataghorobí , emitida na citada cadea o pasado martes, e sete miniseries, que xa foron emitidas. En todos os casos se trata de adaptacións de relatos galegos. A produtora Ficción Producciones está negociando coa televisión catalana e máis con Telemadrid para a emisión deste telefilme. Música da terra A película rodada en Lugo ao longo de tres semanas tivo como guionistas a Miguelanxo Prado e ao propio Antón Dobao; mentres que entre o cadro de actores e actrices figuran, entre outros, Evaristo Calvo , Víctor Mosqueira , Luísa Martínez , Mónica García , Iván Prado , Sonia López , Monti Castiñeiras , Alfonso Agra , Mónica Caamaño , Xosé Manuel Olveira e o escritor e poeta Antón Lopo . A música deste telefilme tamén ten selo lucense, xa que os seus artífices son os membros de Safari Orquestra.