Un sarriao que tomou parte activa na Revolución Cubana

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

Crónica | Antonio López Fernández Coñecido polo alcume de Ñico, loitou contra a ditadura de Batista xunto a Fidel e Raúl Castro. Foi dos primeiros en chamarlle Che a Ernesto Guevara

11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio López Fernández (Ñico) naceu en La Lisa, entón chamada Marianao, o 2 de outubro de 1932. Os seus pais foron Xoán López Albín e Concepción Fernández López, que emigraran dende a súa Sarria natal e casaran aló. A súa irmá, Hortensia López Fernández, seis anos máis vella ca el, recorda nun solto do que é autor Luis Hernández Serrano na web Juventud Rebelde, de 1/10/2005 a peripecia vital do seu irmán, que foi «un dos máis bravos combatentes clandestinos da loita contra a ditadura batistana, asaltante do cuartel Carlos Manuel de Céspedes, en Bayamo, e expedicionario do iate Granma, xesta na que perdera a vida». Quixo estudar piano, mais a economía familiar non chegaba a tanto. Honradez Ñico López foi mozo de limpeza na tenda El Machetazo, axudante de albanel e vendedor de roupa no Mercado Único. Era dunha grande honradez, excelente fillo, fiel amigo e compañeiro intachable. Cando tiña 15 anos ingresou na xuventude ortodoxa, ós 20 participou no asalto ó cuartel de Bayamo, tiña 23 cando foi un dos fundadores do movemento 26 de Julio e 24 cando foi do desembarco do Granma. Coñecera a Fidel e a Raúl nos traxins da ortodoxia, e cando marchou cara Oriente en 1953, para tomar parte nas accións revolucionarias, díxolle á familia que ía para traballar nunha arroceira. Estivo preso en varias ocasións ata que pasou á clandestinidade. Cando o seu pai caeu enfermo non poido visitalo, e só foi posible que asistise ó enterro, fortemente protexido para que non o coñecesen. Despois do asalto ó cuartel de Moncada, Ñico burlou a vixianza policial e viaxou a La Habana, protexéndose en varias casas amigas ata que se refuxiou na embaixada de Guatemala, dende onde partiu para ese país como exiliado. Pasou despois a México, onde coincidiu con Fidel e Raúl Castro, sendo un dos primeiros cubanos que chamou Che o futuro xefe guerrilleiro. Posuía dotes de organizador e foi a el a quen Fidel confiou a dirección das prácticas de tiro dos grupos de comandos que participaron nos sucesos de 1953. Debido a súa talla era coñecido como Sietepisos. Foi unha persoa incorruptible e irreductible no dicir de Raúl Castro, postura que mantivo ata que o 8 de decembro de 1956 morre en Boca del Toro, seis días despois do desembarco do Granma. Non foi este o único fillo de sarriaos, ou sarriao, que tomou parte nos feitos previos e no desenvolvemento da Revolución Cubana. En plena xuventude, só con 24 anos de idade, Antonio López Fernández, comprometido na loita contra a dictadura de Batista, perde desgraciadamente a vida. Os fillos de emigrantes da comarca de Sarria en Cuba axiña amosaron o seu sentimento de cubanidade.