«O teatro ábrelle os ollos á xente»

LUGO

PALACIOS

Protagonista | María Xosé Lamas

17 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Vilalba pediulle ao Centro Dramático Vilalbés (CDV) que representase unha obra co gallo do Día internacional contra a violencia de xénero. O resultado hase ver hoxe, xa que o CDV estrea (auditorio, oito e media do serán) a obra Pepa a Loba , escrita por Vicente Piñeiro. María Xosé Lamas, directora do CDV e unha das protagonistas da obra, di que o argumento é precisamente unha das grandezas do teatro, pois permite «coller un personaxe para expoñer un tema concreto», mesmo se a súa vida estivo afastada do contido que se quere transmitir. -Sempre fixemos teatro con algo de diversión, o cal non implica que non fose de calidade, porque sempre fuximos da romaría e do humor fácil. O que sempre buscamos foi que a xente fose ao teatro e estivese a gusto. -¿Pode usarse o humor mesmo en asuntos como a violencia doméstica? -O humor ten que ser algo serio. A un tema pódese eliminarlle o seu carácter macabro para provocar un sorriso. Pero este tema en concreto é moi serio e algo contra o que todos temos que poñernos en loita. -¿Para que pode servir o teatro? -O teatro ten que erguer a súa voz. Cando o Concello nos propuxo facer a obra, xa dixen que si de contado. Hai que dar un berro dende todos os campos. -¿Cre que o teatro debe darlle voz á sociedade ou ser a voz desa sociedade? -Vimos, non hai moito tempo, unha entrega de premios na que se berrou «Non á guerra». O que facemos nós, con esta obra, non é de dereitas nin de esquerdas. ¿Quen pode defender os malos tratos? Ninguén. Entón, que se cambien leis, que se tomen as medidas necesarias, pero que se faga algo dunha vez. -¿Pode ser entón o teatro, como cría Gabriel Celaya sobre a poesía, unha arma cargada de futuro? -Si. As primeiras manifestacións de cambio, sexan a nivel sociolóxico ou antropolóxico, sempre se dan na arte. A arte dá sempre o primeiro berro; non só o teatro: a música, a arquitectura... E se se espallan máis esas voces, os cambios poden darse. -¿Que temas lle gustaría tratar nunha obra? -Moitos. O desta obra, a violencia de xénero, é un deles, no que xa pensei algunha vez; pero é difícil de xunguir co humor que adoitamos facer. Gústanme as traxedias, pero tamén as comedias. Calquera feito cotián serve para facer unha comedia de situación. E ademais descubrín que cando escribo algo, sempre lle dou un punto algo feminista: iso é deformación profesional, non podo evitalo. Gústame que o teatro abra os ollos á xente, e creo que ese ten que ser o seu papel.