América, América

| XOSÉ MARÍA PALACIOS |

LUGO

DESDE EL ADARVE

17 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

MONDOÑEDO ten moitas rúas, e unha delas é a avenida. Hai anos, con máis nenos e menos coches ca hoxe, valía moi ben para andar en bicicleta e para xogar a policías e ladróns sobre dúas rodas; o nome oficial, avenida de Bos Aires, ten que ver co destino de moitos rapaces mindonienses. Guitiriz ten obxectivos a curto e a medio prazo, e entre eles, a transformación dunha escola construída por emigrantes en América en centro social. Ribadeo medra moito, pero non sería o mesmo sen a torre dos Moreno, vencellada cunha familia que pasou ao outro lado do Atlántico. Moitas vilas de Galicia poderían achegar exemplos semellantes, froito da emigración galega de finais do século XIX e de comezos do XX, e reflectir experiencias de hoxe, con inmigrantes americanos que buscan aquí unha vida mellor. Calquera supón, pois, que os vencellos son fortes. ¿Calquera? Lendo as retóricas dos cumios iberoamericanos, cabe deducir, e oxalá non sexa certo, que se fala pouco de proxectos para persoas de carne e óso.