Lugo: O Círculo das Artes acolle unha exposición con 23 obras de Laxeiro
A Fundación Caixa Galicia presta os cadros grazas a un convenio co Concello Concepción Burgo destacou durante a inauguración o labor do pintor en prol da cultura galega
lugo
«Laxeiro fusionou os novos movementos europeos coa cultura do pobo galego», declarou Concepción Burgo, concelleira de Cultura e Turismo, na inauguración no día de onte da exposición Laxeiro. O manancial da vida , que se pode visitar no Círculo das Artes de Lugo ata o día 23. A mostra, que se atopa dentro da colección de arte da Fundación Caixa Galicia, reuníu ademais da edil socialista, ao presidente desta institución, Mauro Varela; á súa directora, Teresa Porto; e ao subdirector do Círculo das Artes, Jesús Domínguez.A exhibición recolle 23 obras que abarcan case catro décadas da vida de Laxeiro, e que arrinca en 1940 cunha representación do mural O manancial da vida , un fresco pintado orixinalmente na parede de ladrillo da planta baixa do Café Moderno de Pontevedra. Mauro Varela destacou que esta é unha das coleccións máis importantes de Caixa Galicia. Pola súa parte, Jesús Domínguez resaltou a traxectoria do artista galego que empezou con un estilo sinxelo ata chegar a mesturar o expresionismo abstracto con pinceladas de surrealismo e das correntes europeas máis informalistas, modernizando a pintura galega do século XX. Con esta mostra, preténdese celebrar tamén o 150 aniversario do Círculo das Artes.