O desterro de Leiras Pulpeiro

La Voz

LUGO

BOSQUE DE SILVA XOSÉ MARÍA PALACIOS | O |

01 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UN DOS principais republicanos mindonienses do século pasado foi Cándido Carreiras Domenech. Participou na vida xornalística e política da cidade durante varias décadas; pero sobre todo protagonizou un acto, non sei se de xeito estudado ou espontáneo, que lle serviu para acadar unha sona que aínda se mantén : recén implantado o novo réxime, os republicanos foron visitar a tumba de Leiras Pulpeiro, e el tomou a palabra para anunciarlle ao amigo a nova de que xa chegara a república. Segundo conta Ánxel Fole, Carreiras estivera desterrado en Castropol un pouco antes, na época de Primo de Rivera. As circunstancias sociais e políticas cambiaron, pero un ten a sensación de que Leiras Pulpeiro tamén está a pasar un certo desterro. Sabemos que foi un médico entregado ao seu traballo que mesmo deixaba cartos para as medicinas debaixo das almofadas nas casas con menos cartos, un republicano coherente coas súas ideas nun ambiente onde eran minoritarias e un cidadán exemplar: trazos moi favorables para a súa figura, que malia todo semella estar nunha gaiola de ouro, máis lonxe da literatura do que debería. O mes pasado cumpríronse 150 anos do seu nacemento, e dentro de pouco o cemiterio vello de Mondoñedo, no que está enterrado, terá un novo aspecto coas obras de rehabilitación que se están a desenvolver. Oxalá que entón alguén observe o val dende alí, e lembre a expresión «cunquiña deleitosa», tantas veces usada para describilo: por ser o seu autor e por outras cousas máis, un respecto ao poeta Leiras.